What do you want to do ?
New mail

Un wc como o que vedes na imaxe. Ese é o mellor lugar que escolleu o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de illamento para persoas maiores dependentes no Centro de Día de Dodro en caso de que sexan sospeitosas de padecer coronavirus. Imaxinamos que co beneplácito da Consellería de Política Social, que está ou debería estar informada do tratamento que se lle da ás persoas usuarias da rede pública de atención a persoas maiores. O que descoñecemos é se as familias están informadas de onde pretenden illalos en caso de sospeita de COVID.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar a falta de humanidade e trato indigno e humillante que se lle vai dar aos usuarios do Centro de Día de Dodro que se atopen nesa situación. Sen contar coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada.

Se xa de por si o lugar non parece moi digno, hai que engadir que ademais non dispón de ningunha clase de fiestra, ventilación nin aire acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción do centro. Nesa zona de illamento estará a persoa maior e un membro da equipa, ataviado cun EPI. Á situación, que en si xa xera unha situación estresante, hai que engadir unha estancia tan pouco confortable e acolledora como sala de espera, tendo en conta que cando se active o protocolo non se sabe o tempo no que a persoa ten que permanecer no lugar de illamento. Dito doutro xeito, poden ser uns minutos ou unha longa espera.

Cando noutros centros optaron por escoller os despachos sanitarios ou de enfermería como zona de illamento, por que en Dodro se optou por un wc? Que triste é chegar a maior nestas condicións! As persoas maiores non son gando e merecen un trato digno e respectuoso.

Para a CIG-Autonómica esta actuación denota unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.

Tamén queremos denunciar que esta situación do Centro de Día de Dodro non é un caso excepcional, xa que no Centro de Día de Boiro tamén se optou por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso  polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar.