CIG-Administración Autonómica denuncia que a Consellaría “ningunea” e “ignora” aos seus traballadores e traballadoras.

A CIG-Administración Autonómica solicitou, o pasado 17 de xuño, unha entrevista urxente coa conselleira de Traballo e Benestar coa fin de evitar a entrega a empresas privadas do servizo de atención ás persoas maiores. Unha petición que, malia ter sido tramitada por escrito e reiterada por teléfono, foi completamente ignorada. Diante desta situación, delegados/as da CIG-Administración Autonómica concentráronse, na mañá deste luns, diante do despacho da conselleira para demandar explicacións respecto da política que ten pensado seguir a Xunta nos centros de Benestar e nos servizos sociais en xeral e respecto da súa intención de privatizalos.


A CIG-Administración Autonómica denuncia que a negativa da consellaría a informar aos traballadores/as e aos seus representantes, supón un "absoluto desprezo"  e contrasta coa actitude que mantén cos alcaldes, aos que les fixo chegar o proxecto de Axencia Galega de Servizos Sociais, ao igual que á prensa, á que informou puntualmente das súas intencións.

Estudos de empresas privadas para privatizar a atención aos maiores

A CIG-Administración Autonómica, xa denunciou no seu momento que a Xunta de Galiza, está a enviar a equipos de empresas privadas para que fagan un estudo de como privatizar as residencias. Xunto a iso, denunciou que o alcance da privatización comprendería nun principio a todos os servizos das residencias agás os servizos sanitarios.

Por iso, solicitou o pasado 17 de xuño unha entrevista coa conselleira para que esta explicara aos traballadores/as cales son as súas pretensións e en que se basea para privatizar uns servizos que son esenciais para a atención aos maiores e que supoñen unha garantía de prestacións de calidade e atención aos usuarios.

Tras varios intentos, a consellaría ignorou as demandas do persoal de Benestar e diante desta actitude, a CIG-Administración Autonómica advirte que adoptará medidas máis contundentes para que a Conselleira se digne explicar ao persoal os plans e proxectos deste goberno a respecto da área de Benestar.

En todo caso, durante a concentración acordaron darlle un novo prazo para que comunique unha data da xuntanza antes do venres 16 de xullo. No caso de que tal comunicación non se faga efectiva, informan de que convocarán, para esa mesma data unha nova concentración, desa volta coa participación de máis delegados/as.

"Esixímoslle á Xunta a paralización deste proxecto de privatizacións das Residencias de Maiores e unha maior dotación de prazas para asistidos e a defensa dos servizos públicos tal e como é obriga da máxima responsable deste departamento".