Novas por contido

As federacións de Administración, Ensino e Saúde da CIG recollerán os apoios á petición de interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o RD 8/2010 e a lei galega 3/2010.


As federacións de Administración, Ensino e Saúde veñen de pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para adherirse á petición de interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto-lei 8/2010 do 20 de maio, polo que se adoptan as medidas extraordinarias para a redución do déficit público e contra a Lei galega 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Xunta de Galiza.


As federacións afectadas por esta normativa entenden que non concorre unha situación de extraordinaria e urxente necesidade que xustifique a promulgación do RD lei e que, en todo caso, se están a vulnerar dereitos, deberes e liberdades da cidadanía regulados no Título I da Constitución.

Os secretarios nacionais de Administración Pública, María Carme López Santamariña; Ensino, Anxo Louzao e Saúde, María Xosé Abuín presentaron a solicitude de interposición de recurso de inconstitucionalidade ante a Defensora do Pobo, por considerar que a adopción de medidas lexislativas extraordinarias obedecen a unha situación de “mero oportunismo político, en absoluto amparado pola Constitución para habilitar ao poder executivo a ditar normas con rango de lei”.

Engaden ademais que en setembro de 2009 o goberno pactou con determinados sindicatos un incremento salarial do 0,3% para os empregados públicos, no ano 2009 (que a CIG considerou inaceptábel por consideralo escaso) e unha cláusula de revisión salarial de mantemento do poder adquisitivo, medidas, ambas as dúas, que foron incluídas na Lei de Orzamentos do estado para 2010, mediante as oportunas consignacións de crédito. Porén, sinalan que, transcorridos apenas 6 meses desde a súa aprobación, se decidiu reducir un 5% a masa salarial, no que consideran unha “clara contradición cunha previa (e recente) decisión lexislativa”.

Tamén consideran que a vía utilizada, mediante RD-Lei supón unha clara vulneración dos dereitos adquiridos polos empregados/as públicos/as e a diminución retributiva adoptada, discriminatoria.

Parten de que se vulnera o artigo 33.3 CE que di que “ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos senón por causa xustificada de utilidade pública ou interese social, mediante a  correspondente indemnización e de conformidade co disposto polas Leis” e o 31.1 no que se recolle que “todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo  coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado en principios de igualdade e progresividade que, en ningún caso, terá carácter confiscatorio”.

Transposición lexislativa galega

Na petición presentada perante a Defensora do Pobo engaden que tanto o Decreto Lei como a súa transposición lexislativa galega vulneran o dereito fundamental á igualdade, na medida en que se aplica unicamente aos empregados e empregadas do sector público e o dereito á negociación, toda vez que nas leis de orzamentos estatal e galega para o ano 2010 foron obxecto de pacto na negociación colectiva funcionaria e laboral das administracións territoriais, organismos e entes públicos e empresas do sector público.

Para a recollida das follas sinaturas pódese imprimir o pdf adxunto e entregalas, unha vez cubertas, nos locais comarcais da CIG nas respectivas federacións.

Documentos

Solicitude de interposición recurso inconstitucionalidade.pdf
Folla de recollida de sinaturas.pdf


Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...