alt

A CIG-Autonómica, co apoio das demais centrais sindicais, concentrouse o xoves 29 de xullo diante do Edificio Administrativo de Pontevedra para reclamar que a Escola Infantil nel localizada sexa de xestión pública. Esta demanda, que xa vén de moi atrás,  reavivouse coa publicación no DOG do 23/07/2010 da convocatoria pública do procedemento de contratación. O obxecto é poñer de manifesto o noso rexeitamento á entrega deste servizo (e o coidado das nosas fillas e fillos) aos intereses económicos dunha empresa privada.

Xa desde moito antes de que o persoal se trasladara ao Edificio Admistrativo, a CIG víña demandando a prestación deste servizo e a súa xestión pública. Por esta razón tivemos varias reunións tanto coa secretaria territorial de Traballo e Benestar como co secretario territorial de Presidencia, dando traslado ademais das inquedanzas das persoas usuarias á Xunta de Persoal e aos Comités de Empresa afectados, sendo totalmente ignoradas as nosas demandas.

Esta é unha proba máis da estratexia utilizada por este goberno desde a súa creación para ir desmantelando paulatinamente todos os servizos públicos (residencias de maiores,  incendios, comedores escolares...). Neste caso,  ao ser publicada no momento en que parte do persoal afectado está gozando das vacacións, dificultouse unha reacción máis contundente na resposta. Sen embargo, se a Administración non atende as nosas demandas, en setembro intensificaremos o calendario de mobilizacións.