A tramitación dos expedientes da Lei de Dependencia vai ser realizado por unha empresa privada mentres a Xunta se nega a reforzar o servizo.

Estes días o persoal de Dependencia de toda Galiza recibiu a orde de empaquetar todas as solicitudes e expedientes cos que traballa para que a finais de semana os viñeran recoller persoas dunha empresa privada. De aquí en diante será esa empresa privada a que faga os requirimentos ás persoas interesadas, aínda que posteriormente teñan que enviar os expedientes ás Delegacións da Consellaría de Traballo e Benestar para seguir co resto da tramitación.

A consellaría non quere dar o nome da empresa pero as traballadoras e traballadores manifestan que todo indica que van recorrer, unha vez máis, a empresas “amigas”. Recordemos que no mes de febreiro máis de 60 persoas  dunha empresa privada foron introducidas nas dependencias da Xunta para mecanizar os expedientes.  Daquela a CIG-Autónomica denunciou este feito ante a Inspección de Traballo, xa que  en lugar de tirar das listas de contratación, a Xunta incumpriu a legalidade vixente nun claro caso de cesión ilegal de traballadores.  Agora, en vez de recorrer a esas empresas para que aporten persoal, envíanlles directamente os expedientes, incumprindo a legalidade en materia de protección de datos.

A política seguida por este goberno no relativo á xestión dos expedientes derivados da Lei de Dependencia foi a de asfixiar a tramitación ordinaria, impedindo que se fagan contratacións de persoal interino, e o reforzo desta Área. Deste xeito, Traballo e Benestar deixa esmorecer o servizo para logo poder xustificar que se necesita unha xestión privada co obxecto de "axilizar" esta materia. É digno de mencionar que persoal da consellaría non relacionado coa tramitación deses expedientes ofreceuse a colaborar na tramitación, e a repartir entre eles o traballo, sempre que se asegure que os expedientes non van saír das dependencias públicas e non se privatice a súa xestión.

A CIG-Autonómica solicitou unha entrevista urxente coa secretaria xeral da Consellaría de Traballo e Benestar co fin de tratar este asunto tan grave e solucionar a situación.  Por outra banda, de non desistir na súa actitude de cesión indebida e non autorizada de datos persoais especialmente sensíbeis, imos denunciar este feito ante a Axencia de Protección de Datos.  Por último, e co apoio do persoal desta consellería e doutras que se queiran sumar, non descartamos a elaboración dun calendario de mobilizacións.

Pola defensa do emprego público, pola defensa do noso traballo: denuncia, mobilízate.