A privatización da planificación estratéxica e coordinación operativa, a duplicidade dos servizos de extinción (un servizo público da consellaría e unha empresa pública), a falla de traballos de prevención nos montes no inverno, a falla de formación dos traballadores e a temporalidade forman un cóctel explosivo.

Medio Rural ignorou durante todo o ano as advertencias e denuncias da CIG sobre o perigo que ía supoñer a campaña de verán, sobre todo en época de máximo risco. Daquela xa advertimos que debido a que no inverno non se fixeron tarefas de prevención, os montes galegos constituían un polvorín.

En marzo denunciamos que a privatización da planificación estratéxica e coordinación operativa para darlla á empresa privada NATUTECNIA era unha deixación de funcións por parte da Administración. O recurso da Administración á empresa pública SEAGA, que contrata traballadores e non os forma, en vez de reforzar o Servicio de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), constituía tamén un factor de risco ao enviar a incendios e como primeiro ataque a traballadores sen coñecementos suficientes para levar a cabo tal tarefa. Isto foi tamén reiteradamente denunciado pola CIG.

A Inspección de Traballo, a instancias deste sindicato obrigou á Xunta, mediante un requerimento no mes de abril, a respectar os descansos semanais, a avaliar os riscos de todo o colectivo, incluíndo os traballos de campo, e a adoptar medidas correctoras. Das deficiencias nos equipos, roupa de traballo, EPI’s, a falla de medios tamén tivo coñecemento a Consellaría a través das nosas denuncias.

A pesares de todas as advertencias e denuncias, a Consellaría se negou a recibirnos e fixo caso omiso das nosas queixas e demandas. Agora non se poden escudar en que estamos simplemente ante un accidente laboral. A inhibición da Consellaría, a falla de previsión, as políticas de persoal inadecuadas son atributos desta Consellaría e responsabilidades da mesma.