Mentras o Conselleiro de Medio Rural fai declaracións sobre o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, a Inspección de Traballo de Ourense, á instancias da CIG, constata o contrario e dálle un prazo de 2 meses para que facilite a información aos traballadores.

Novamente a Inspección de Traballo, esta vez en Ourense, volve a requirir á Medio Rural para que cumpra a lexislación en materia de prevención de riscos laborais. Se en decembro de 2009 o requirimento consistía en obrigar a que Medio Rural realizase a Avaliación de Riscos dos diferentes postos de traballo, agora, en agosto de 2010, consiste en que o resultado desa avaliación sexa facilitada á totalidade do persoal dos distritos forestais da provincia. 

Literalmente o requirimento da Inspección de Traballo foi feito á Xefatura Territorial de Medio Rural nos seguintes termos: "que no prazo de 2 meses se adopten as medidas oportunas para facilitar á totalidade de traballadores que prestan os seus servizos nos distritos forestais da provincia de Ourense, información sobre os riscos específicos que afecten ao seu posto de traballo ou función, e das medidas de protección e prevención aplicábeis aos ditos riscos".

En ambos casos, constátase o incumprimento por parte de Medio Rural, da Lei de Prevención de Riscos Laborais, o que pon de manifesto a actitude da consellaría de desprezo pola normativa e pola seguridade e saúde do persoal ao seu cargo, como temos vido denunciando reiteradamente. Nun traballo tan extremadamente perigoso como é o da extinción de incendios, en moitas ocasións podemos encontrarnos con: traballadores realizando o seu comeitdo con materiais e medios obsoletos, roupa de protección inadecuada, vehículos con 200.000 quilómetros e máis de 10 anos, roupa acrílica (moi inflamábel), e falla absoluta de formación e información.

Por outra banda, resulta tremendamente triste que unha Administración Pública funcione e cumpra a Lei só a base de denuncias dos traballadores e requirimentos da Inspección, en lugar de seren os primeiros en aplicala.

Dende a CIG-Autonómica seguimos esixindo de Medio Rural o respecto pola vida das persoas que están prestando servizos en tarefas tan necesarias para o noso país e a súa seguridade, para o que é imprescindíbel o cumprimento da normativa de prevención. Por iso non dubidaremos en ningún momento o volver efectuar as denuncias que fosen necesarias, tanto ante a Inspección de Traballo como ante os traballadores e traballadoras, e mesmo ante o conxunto da sociedade.