No mes de xuño Medio Rural negou a existencia das BIIF (Brigadas de Investigación de Incendios Forestais), instrumento para a prevención e investigación de incendios forestais recollidas no PLADIGA 2010, e agora envía a esas mesmas BIIF  que "non existen" a investigar o lume de Fornelos de Montes.

A CIG-Autonómica denunciou en xuño que Medio Rural estaba a desmantaler as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais,  apartando aos axentes, retirándolles o material de investigación e negándose a cubrir as vacantes. Inicialmente tratábase de 19 Brigadas compostas por 2 Axentes Facultativos Mediomabientais cada unha delas e que viñan operando dende o ano 2001.

A Xunta de Galiza negou daquela a existencia de ditas Brigadas, a pesares de que as recolle no PLADIGA 2010 onde di que “A investigación basearase no análise das evidencias físicas, das actividades humanas e a recollida e análise de información de testemuñas”. As BIIF existen realmente e están compostas por Axentes Facultativos Medioambientais que de xeito voluntario prestan servizo nelas. A Xunta negouse sempre a oficializalas e a recoñecer a súa existencia a nivel orgánico, pero viñan traballando cun gran nivel de profesionalidade dende a súa creación.


Dende a CIG-Autonómica vimos pedindo que se oficialicen e que estes postos de traballo pasen a ser recollidos na RPT de Medio Rural. Pola contra, a política da consellaría no 2010 foi a de desmantelalas, quedando eivada a politica forestal da Administración autonómica no relativo á facultade de investigar os lumes forestais.

Queremos destacar que o lamentábel informe que Medio Rural difundiu para saír ao paso en nada responde á investigación que están aínda a realizar estes profesionais, informe posto en dúbida pola investigación xudicial. Precisamente o PLADIGA establece que as BIIF, en coordinación cos Corpos e Forzas de Seguridade, emitirá un único informe de investigación que trasladará ao Ministerio Fiscal, e que será o Centro de Coordenación do Distrito quen, extinguido o lume, comunicará á BIIF do Distrito a conveniencia de iniciar a investigación.

Isto demostra que a política de desmantelar as BIIF, incluso de negar a súa existencia, se contradí coa necesidade real de contar con unidades especializadas de investigación de incendios forestais e pon en entredito a política de desmantelamento destas Brigadas por parte da Xunta, precisamente agora cando máis se necesitan.