A Consellaría de Traballo di que os expedientes son confidenciais para o persoal funcionario pero non para as empresas privadas.

O pasado 18 de agosto a CIG-Autonómica denunciou á Consellaría de Traballo e Benestar ante a Axencia de Protección de Datos polo tratamento que está dando a datos persoais sensíbeis da Lei de Dependencia sen consentimento das persoas interesadas.  Despois de que a consellaría contestase que a entrega  destes expedientes á empresa INDRA SISTEMAS é para axilizar a súa tramitación e que en ningún momento se violaba a Lei Orgánica de Protección de Datos, agora sorpréndenos ao resolver negativamente a petición dunha funcionaria de Ourense que desexa traballar polas tardes para conciliar a vida laboral e familiar.

Dende a CIG-Autonómica consideramos unha burla ante o traballo das empregadas e empregaods públicos que a propia Administración diga que os datos non son confidenciais cando se trata de externalizar a xestión e logo alegue a confidencialidade destes  para impedir que o  persoal  da Xunta que a cotío traballan con eles poida facelo noutra franxa horaria. A caso están máis seguros eses datos fóra dun edificio administrativo?

As alegacións da Xunta de Galicia foron as seguintes:

“5. A traballadora realiza as súas funcións no Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal, no que se tratan datos relativos ao orixe racial e á saúde dos cidadáns, datos especialmente protexidos conforme ao artigo 7 da Lei 15/1999 de 13 de decembro de Protección de datos de carácter persoal, e a Orde de 11 de marzo de 2009 pola que se crean, modifican ou suprimen ficheiros que conteñen datos de carácter persoal existentes na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que esixen unhas medidas de seguridade altas.

6. A petición da funcionaria conleva a necesidade de abrir o centro de traballo fora do horario xeral citado nos puntos 3 e 4 desta resolución, o que conlevaría dispor de persoal cualificado que poda garantir a seguridade tanto das persoas como do patrimonio da administración e que poida adoptar as medidas de índole técnica e organizativas necesarias que garantan a seguridade dos datos de carácter persoal e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso no autorizado.”

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar que o boicot que a Consellaría de Traballo  está a facer a si mesma so se comprende se o que interesa é xustificar que a Administración “vai lenta”, que o persoal funcionario non é suficientemente profesional, e que  por iso hai que poñer a xestión en mans de empresas privadas. A propia Consellaría está a poñer pedras no camiño da tramitación para poder xustificar a contratación de asistencias técnicas.


Pola defensa do emprego público, pola defensa do noso traballo: denuncia, mobilízate.