Despois dos reiterados boicots ao traballo do persoal público e de saltarse a Lei de Protección de Datos, agora a Consellaría de Traballo e Benestar amorea os expedientes en espera de que  INDRA SISTEMAS veña a recollelos.

Esa é a realidade pero non o que se lle está a contar á cidadanía. O persoal funcionario da Dependencia recibiu a sarcástica orde de contestar ás chamadas das persoas interesadas cunha media verdade: "os expedientes están en poder da Administración pero aínda están sen mecanizar". Estes expedientes están agora en poder da Administración, que non permite que o persoal funcionario lles poña un dedo enriba pero non despois, cando sexan cedidos ilegalmente a INDRA. Excepto na Delegación de Coruña, estes expedientes fican amoreados, atrasando a súa tramitación, ata que INDRA se digne a vir a recollelos. Con esta recollida non só lles quita funcións e dignidade ao persoal funcionario, senón que incumpre a lei de protección de datos, e de paso atrasa a súa tramitación

Os expedientes referidos son os correspondentes ás solicitudes feitas nos meses de xuño, xullo e agosto. Hai que salientar que o Decreto 15/2010, de 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da dependencia e o dereito ás prestacións, establece un prazo máximo para resolver de 3 meses para o recoñecemento do nivel de dependencia e outros 3 meses para o Programa Individual de Atención. Do mesmo xeito, establece que de cumprirse os prazos máximos sen resolución expresa as solicitudes entenderanse desestimadas.

A CIG-Autonómica entende que esta parálise provocada pola Consellaría de Traballo vai ter repercusión directa sobre os solicitantes, que van ver desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Xa que logo, denunciamos ante a opinión pública a obscena orde recibida polo persoal da Dependencia de comunicarlle ás persoas interesadas en coñecer o estado do seu expediente que este “obra en poder da Administración” e que “aínda non está mecanizado”; eufemismos empregados para ocultar que os procedementos están paralizados e que aínda non foron enviados a INDRA SISTEMAS.

Na mesma liña, esiximos a resolución do contrato con INDRA SISTEMAS, a devolución dos expedientes en poder desta empresa e a dotación de máis persoal público para o Servizo da Dependencia.


Pola defensa do emprego público, pola defensa do noso traballo: denuncia, mobilízate.