As declaracións feitas polo Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo, aos medios de comunicación con relación ao operativo da loita contraincendios son impropias de quen exerce labores de goberno e ten a máxima responsabilidade na xestión da loita contra os lumes.

Que o operativo sexa “óptimo”, a pesar das múltiples denuncias feitas por este sindicato onde se sinalaron as eivas do dispositivo, das resolucións da Inspección de Traballo, dos resultados, é sobre todo, da traxedia de Fornelos de Montes, implica que non vai ser corrixida a política de loita contra os incendios forestais xa que é inmellorable. Pero tamén:

  1. Implica que dúas persoas falecidas é algo asumíbel na política forestal.
  2. Implica unha concepción derrotista onde se enfoca a morte de dúas persoas é unha peaxe que temos que pagar para que non haxa incendios forestais.
  3. Implica descoñecer que aínda non rematou a campaña e que aínda estamos en época de máximo risco.

Por outra banda, declarar que “empezamos con 6000 brigadistas e que agora faltan dous” é intentar minorar a traxedia e unha enorme falta de sensibilidade ante o drama persoal e social que supón a morte de dous compañeiros, un feito luctuoso que debería impregnar calquera declaración que se fixese. Alguén terá que asumir a responsabilidade sobre a saúde e as vidas do equipo de extinción.

A CIG-Autonómica esixe unha rectificación inmediata por parte do Presidente Feijoo, do que tamén esperamos que pida desculpas por tan desafortunadas declaracións e por frivolizar con feitos tan tráxicos: non valen as porcentaxes e estatísticas, dúas persoas son irrecuperables. Do mesmo xeito, agardamos que o sucedido este verán faga reflexionar ao Goberno sobre o deseño do operativo contraincendios, sobre o seu funcionamento, e corrixa a política forestal nefasta posta en marcha.