A CIG-Autonómica presentou o 26 de agosto un escrito ante a Dirección Xeral de Función Pública (DXFP) instando a convocatoria inminente do grupo de traballo técnico do concurso de traslados de persoal laboral.

Despois dun longo período de negociacións as organizacións sindicais UGT e CIG e a DXFP chegaron a un acordo para a modificación do V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galiza. O dito acordo plasmouse na sinatura de dita modificación por acordo entre a Administración e o Comité Intercentros con data 28 de xullo de 2010. Posteriormente, con data 17 de agosto,  publicouse a modificación do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza no DOG. Deste xeito quedan desatascados os procesos pendentes de persoal laboral, o concurso de traslados entre eles.

Hai que recordar que o anterior concurso foi convocado o 17 de xuño de 2005 e resolto o 26 de xullo de 2006, o que fai máis de 4 anos de atraso. O V convenio establecía a convocatoria do concurso en 2008, concurso que a Administración nunca chegou a convocar, incumprindo así o asinado polas partes. Agora coa modificación do convenio, establécese unha nova convocatoria en 2010 que agardamos que comece a facerse real con este primeiro paso: a creación do grupo técnico.

Dende a CIG-Autonómica somos conscientes dos problemas que se lle está a causar tanto ao persoal laboral que leva máis de 4 anos a espera dun concurso como ás numerosas compañeiras e compañeiros que están en destino provisional á espera dun destino definitivo dende vai máis de 2 anos. Xa que logo, instamos á DXFP de xeito formal á que dea o primeiro paso para facer efectivo o ansiado concurso de traslados e convoque o dito grupo de traballo técnico.