Novas por contido

Dende a CIG-Autonómica vimos reivindicando unha formación de calidade pero tamén en cantidade nos cursos máis demandados polas empregadas e empregados públicos,  o de galego administrativo entre eles. Do mesmo xeito esiximos maior transparencia nos criterios de adxudicación. Se ben eses criterios dos cursos de formación da Xunta viñan sendo obxectivos e o método de inscrición sinxelo e adaptado aos tempos da administración electrónica, os que organiza a Consellaría de Educación a través das Escolas Oficiais de Idiomas baten records.

E baten records en canto ao anticuado sistema de inscrición e de selección: "persoalmente e por rigorosa orde de chegada". A pesar de que todo o peixe soe venderse nas primeiras horas do primeiro día, a convocatoria segue establecendo prazos tan innecesarios coma 20 días naturais. Esta organización tan primitiva provoca situacións coma as acontecidas o 1 de setembro ás portas da EOI de Santiago e que se amosa na imaxe adxunta.  Esta imaxe, ao contrario do que poida parecer, non son alumnos buscando un oco no curso de inglés de 20:00-21:30. Trátase de empregadas e empregadas públicos que buscan unha das 75 prazas nun dos 3 cursos de galego administrativo que a EOI imparte nesta localidade.

Era visto...

A historia comeza ás 23.00h do 31 de agosto cando a primeira candidata acampa no patio cuberto da EOI de Santiago cun saco de durmir. Posteriormente, e ao longo da madrugada, varias persoas foron achegándose e formando unha cola de xente que ás 7.30h superaba ás 100 persoas. Xa cedo, as propias persoas interesadas elaboraron unha lista de orde de chegada para manter a organización na cola. Ás 8.30h o persoal do centro comezou a repartir entre un e dous números por persoa. A partir de aí viñeron os intercambios de palabras, os brazos en alto e algún que outro número polo chan.  As queixas das persoas que estaban na cola ían na liña de que este reparto de números non se axustaba á lista elaborada previamente e a que o reparto de dous números por persoa era inxusto porque non constaba na convocatoria nin se facía noutras escolas. Dende a Escola aseguran que se limitaron a seguir as instrucións que elaborou no 2008 a consellaría para a inscrición nestes cursos.

A responsabilidade: da Consellaría de Educación.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar actos tan vergoñentos como este ao que nos leva unha desorganización na xestión dos cursos de formación ao que teñen dereito as empregadas e empregados públicos. Esta desorganización ben motivada polo ridículo criterio de asignación das prazas en función do orde de chegada. Xa que logo, instamos á Consellaría de Educación a que empregue neste caso o mesmo sistema que emprega para o resto de cursos das EOIs:  inscrición telemática con designación preferencial do grupo e sorteo aleatorio das prazas.


Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...