A pesar do NON da Defensora do Pobo, a vía da Audiencia Nacional segue aberta, entre outras.

A principios de setembro a Defensora do Pobo pronunciabase negativamente sobre a petición da CIG (apoiada por moitas traballadoras e traballadores)  de interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra as ‘medidas para reducir o déficit público’ aprobadas polos gobernos estatal e galego. O informe determinaba que non se daban os fundamentos xurídicos para anular o Decreto-Lei. Curiosamente a pesar de recoñecer que un decreto-lei non pode modificar unha lei de orzamentos xerais, ao mesmo tempo asegura que o seu carácter “indeterminado” permite unha “certa flexibilidade”.

Malia a decisión da Defensora do Pobo, para a CIG a presentación dun recurso de inconstitucionalidade segue estando xustificada  pois non é asumible que a “flexibilidade” dun Decreto-Lei faga factible vulnerar os dereitos adquiridos polas empregadas e empregados públicos. Esta situación crea unha inseguridade xurídica dos acordos acadados que lle permite á Administración por un lado poñernos a man mentres polo outro enchen o peto da banca e as grandes empresas (as eléctricas p.ex.) a costa do noso minguado poder adquisitivo.

A admisión a trámite pola Audiencia Nacional da interposición de recurso contra os recortes salariais abre unha nova vía de loita xudicial. En todo caso, a CIG pon tamén a disposición do persoal das Administracións Públicas modelos de reclamación individual. Por outra banda queda, en canto ao persoal laboral, o aspecto específico de loita no tocante á vulneración do principio de negociación colectiva. E como non, tras non descartar as Administracións novos recortes nun futuro, sempre queda a loita sindical e a mobización.


Sen as traballadoras e traballadores públicos, as Administracións (e polo tanto tamén os Gobernos) non se moben.