Novas por contido

Ian Kershaw, o mellor dos biógrafos de Adolf Hitler, danos conta da singular forma de xestionar os asuntos públicos que tiña o xerarca nazi.

Este acostumaba a lles asignar aos seus colaboradores áreas de traballo concorrentes, concatenadas ou que se solapaban, mesmo asignando a mesma área ou as mesmas funcións a dous ou máis dos seus colaboradores. A idea era incitar entre eles a emulación e unha carreira desbocada cara a conseguir os seus obxectivos.

Por suposto, isto foi un sonado fracaso e produciu o colapso de moitas áreas do goberno en vez de producir o efecto contrario, tal e como conta o seu ex-ministro Albert Speer.

Igual que se dun proxecto hitleriano se tratase, a anterior Administración, da man de Suárez Canal, intentou forzar unha estrutura administrativa formada por dous brazos inconexos e con funcións e tarefas solapadas, o SPDCIF e SEAGA. Esta estrutura, herdada, abenzoada e consolidada agora polo goberno do PP, leva, ao igual que levou ao Führer, a resultados catastróficos e ao colapso funcional.

Cun dobre sistema de xestión e de captación de persoal, un a través das listas públicas de contratación e outro a través da propia Empresa para persoal da mesma categoría profesional, a ineficiencia e a falla de coordenación son notables. Unha Administración ben ordenada require unha sistema organizacional no que non cabe a duplicación no exercicio das competencias nin a concorrencia de funcións.

No que respecta aos traballadores, a disfunción deste sistema trae inseguridade xurídica e graves consecuencias como a precarización das condicións de traballo.

Somos conscientes de que moitos dos/as traballadores/as de SEAGA foron forzados/as, a optar polos chamamentos a través desa empresa, por estar paralizadas as listas de contratación do SPDCIF.

Somos tamén conscientes de que este sistema produciu unha merma na valoración dos servizos prestados, tanto a quen traballou en SEAGA como a quen non traballou, por se paralizar a demanda de contratacións a través das listas.

Se as necesidades de contratación estimadas pola Xunta resultan da suma dos chamamentos polos dous sistemas de listas, a única opción clara é valorar os servizos prestados en SEAGA nas listas de contratación unha vez disolvida a empresa e que todos os chamamentos se fagan a través das listas oficiais de contratación. Disto se deriva que non ten sentido pedir a continuidade desa empresa nin a contratación a través das súas listas.

Por iso, desde a CIG-Autonómica, consideramos que debe existir un ÚNICO Servizo Público, o SPDCIF, que debe ser potenciado mediante a disolución de SEAGA e a integración dos seus medios e do seu patrimonio na Xunta de Galiza para os asignar posteriormente a este servizo.


Apostamos por un servizo público profesionalizado, integral, único, con traballadores/as cualificados/as e formados/as, estabilidade laboral, seguridade no traballo e enraizado na sociedade rural. E consideramos tamén que se debe potenciar a prevención sobre a extinción redimensionando o Servizo en base ás necesidades reais, tal e como se demostrou neste ano co déficit de brigadas e persoal, incrementando o número de efectivos e reanudando as tarefas de prevención, interrompidas e subcontratadas a empresas privadas, por parte do SPDCIF.


Apelamos á conciencia de clase e á unidade dos traballadores/as para poder facer fronte ás políticas que promocionan a fuxida do Público, a precariedade no traballo, a división no seo dos traballadores/as, o desmantelamento da Administración Pública e o incremento da Administración Paralela.


Só nunha loita conxunta de todos os implicados directa ou indirectamente, traballadores/as do Servizo, de SEAGA, traballadores/as das listas que están no paro, Axentes facultativos mediombientais, Axentes forestais, técnicos, só entre todos poderemos cambiar a política do PP no noso Sector.


Por todo isto, non consideramos correcto que se convoquen mobilizacións paralelas cando se trata de buscar a unidade de acción e a unidade de todos/as os/as traballadores/as en defensa dos Servizos Públicos.


A CIG-Autonómica fai un chamamento aos comités de empresa de SEAGA para que DESCONVOQUEN a mobilización prevista para o día 7 e se sumen á manifestación unitaria en defensa dun Servizo Público.



Compostela, 5 de outubro de 2010

Outras novas recentes

Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...