Novas por contido

Entre as modificacións mantense a mobilidade forzosa a través da adscrición de postos de traballo a chiringuitos e o nomeamento a dedo de máis de 300 xefaturas de servizo.

Na Comisión de Persoal da Administración Autonómica celebrada o 18/10/2010 aprobouse un Anteproxecto de Lei de Orzamentos que mantén varias modificacións polémicas e regresivas dos dereitos do persoal da Xunta consagrados na Lei de Función Pública de Galicia.

A CIG-Autonómica entende que estas modificacións están destinadas a deseñar unha Administración Pública ao servizo de intereses políticos que supón unha degradación da Función Pública galega e un atentado contra os dereitos do persoal funcionario da Xunta de Galicia. A modificación da Lei de Función Pública, co visto e prace de CSI-F e UGT, deixa os nosos dereitos en mans de decisións políticas. A saber: 1) o dereito a inamobilidade e 2) a carreira profesional. Tal e como está a modificación, a Xunta segue tendo a posibilidade de ningunear os efectos dos concursos de traslados e mover forzosamente unidades enteiras a outros órganos ou incluso entidades da administración paralela. Por outra banda, os postos de xefatura de servizo recuperan definitivamente o seu método de provisión por LD, un sistema  reaccionario, que non garante os principios de mérito e capacidade, limitando así a carreira administrativa para quen non ten padriño ou madriña.


MOBILIDADE FORZOSA

Despois dunha semana onde a Xunta pretendeu escenificar unha falsa negociación, acceden a modificar a redacción do artigo onde se contemplaba a mobilidade forzosa. Compre dicir que a Xunta nunca facilitou unha relación de unidades deficitarias de persoal nin un estudo que avalase as súas afirmacións.

Nun primeiro momento se contemplaba a mobilidade forzosa da persoa a outros postos e localidades coa posibilidade de voltar ao posto de orixe. A modificación aprobada hoxe contempla a posibilidade de que a Xunta non só mova á persoa funcionaria senón tamén o seu posto co cal o cambio sería permanente e non habería retorno.

Esta facultade comprende a posibilidade de adscribir postos de traballo das diferentes consellarías, delegacións e localidades a outras distintas e incluso o poder adscribir o posto de traballo a Axencias e entidades da Administración Paralela, dos chiringuitos.


XEFES/AS DE SERVIZO NOMEADOS A DEDO

Durante o actual mandato do Partido Popular, a Administración seguiu a manter que existiría un concurso específico para optar ás Xefaturas de Servizo por parte do persoal funcionario dos grupos A1 e A2, tal e como marcaba o Acordo asinado entre a Administración do anterior goberno e as organizacións sindicais.

Este acordo e a súa execución rematarían coa discrecionalidade no nomeamento destes postos, dando a oportunidade a todo o persoal funcionario que cumprisen os requisitos de poder optar a eles. O froito deste acordo sería unha Administración máis democrática onde primarían os méritos técnicos sobre a afinidade política gañando a Administración en calidade e eficacia.

Despois de manter a mentira durante ano e medio a Xunta opta por voltar aos tempos escuros da Era Fraga e apostar outra vez pola afinidade política para conceder eses postos que son de carácter eminentemente técnico. Un fraude para toda a poboación galega en xeral e para o persoal da Xunta en particular.

Ademais, esta modificación non abre só as Xefaturas de Servizo á libre designación senón que contempla a posibilidade de facelo con outros postos de nivel inferior.


En definitiva, esta reforma parte dunha imposición que non foi negociada realmente e ten un significado político claro, controlar politicamente a estrutura técnica superior dos departamentos nomeando a persoas afíns ao Partido Popular e ter as mans libres para mover ás persoas funcionarias a onde se considere sen ningún atranco.

Dende a CIG-Autonómica consideramos gravísimo que dúas centrais sindicais se preguen a imposición de Feijoo, imposición que deteriora o emprego público, que politiza no sentido máis perverso da palabra a Administración galega, que sementa a arbitrariedade como criterio dos nomeamentos, e que pon en perigo a carreira profesional e a estabilidade das empregadas e empregados públicos.

Documentos relacionados:

Proposta achegada á Comisión de Persoal do 18/10/2010 (en vermello cambios respecto á proposta incial)

Proposta inicial. 11/10/2010.

Descarga: texto consolidado da reforma da Lei da función pública.


Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...