Novas por contido

A Consellaría de Facenda cargará o peso dos recortes orzamentarios sobre os empregados públicos

O Consello da Xunta vén de aprobar o anteproxecto da Lei de orzamentos para o ano 2011, cuxo capítulo I regula os gastos de persoal da Administración autonómica para o próximo exercicio.

A CIG-Autonómica manifesta o seu total desacordo coas medidas previstas no dito anteproxecto en materia de persoal, entre as que se inclúen as seguintes:

- Aplicación da redución salarial a pesar do aumento interanual da inflación nun 2,1%: en cómputo anual, a rebaixa salarial será maior que a aplicada na segunda metade de 2010, ao se aplicar á redución das pagas extras nos meses de xuño e decembro. Tendo en conta a inflación, isto supón unha perda media de poder adquisitivo superior ao 7,1% para os empregados públicos (que chega ao 9,56% nos postos base do grupo A1) desde a aprobación das medidas de redución salarial polo Goberno central e pola Xunta de Galiza.

- Suspensión unilateral por parte do Goberno autonómico de todos os acordos, convenios e pactos asinados cos sindicatos que teñan efectos económicos.

- A taxa de reposición de efectivos pasa a ser do 10% como máximo, aplicándose tamén en todos os sectores da Administración que até agora estaban excluídos. Na práctica, isto supón a práctica desaparición da oferta de emprego público, eliminando as posibilidades de promoción profesional dos empregados públicos e colapsando progresivamente o funcionamento da Administración autonómica por falta de persoal.

- As restricións aos chamamentos de persoal funcionario interino e/ou laboral temporal reduciranse aínda máis que en 2010, ao se aplicaren en todos os ámbitos da Administración autonómica, incluídos o persoal laboral e funcionario da Administración xeral de centros de ensino da C. de Educación, Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios forestais, centros e residencias de servizos sociais da C. de Traballo e Benestar, centros asistenciais do SERGAS e Xustiza.

- Contémplase a cobertura de vacantes co persoal laboral indefinido por sentenza, en prexuízo dos chamamentos de persoal laboral temporal e/ou funcionario interino a través das listas de contratación oficiais.


Desde a CIG-Autonómica rexeitamos estas medidas polo seu carácter regresivo e consideramos que constitúen un ataque directo contra os servizos e os empregados públicos, aos que se está a colocar como bodes expiatorios da crise económica, mantendo ao mesmo o plus para os ex altos cargos e sen que se tomen medidas de control sobre as asistencias técnicas.


Descarga do texto completo do Anteproxecto da Lei de orzamentos de 2011 (Capítulo I. Gastos de persoal)

Descarga da nota informativa da CIG-Autonómica

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.