Despois da xuntanza mantida o 21/10/2010 coa Secretaría Xeral de Traballo e Benestar, a Administración revela as súas intencións de privatizar parte do centro C.A.E.E. "Santiago Apóstolo" da Coruña, comezando pola amortización de 19 postos de traballo de persoal laboral.

O argumento da Secretaría Xeral de Traballo e Benestar para xustificar a privatización é os rapaces discapacitados asistidos  no "Santiago Apóstolo" estarían supostamente mellor atendidos en centros privados que nos centros públicos propios da Consellaría. Desde a Secretaría Xeral abundouse tamén na falsa teoría de que o privado é máis barato que o público.

Baixo estes argumentos demagóxicos e desde posturas contrarias aos servizos públicos, o fin procurado pola Consellaría é debilitar a calidade do servizo, xustificando a privatización. Así, comezarase coa amortización de 19 postos de traballo de persoal laboral cualificado, profesional, con experiencia na atención a nenos discapacitados e coñecedores da problemática destes, o que prexudicará inevitablemente a calidade do servizo.

Esta amortización xunto coa derivación de parte dos rapaces a centros privados e a creación dun centro privado feito con cartos públicos sobre os actuais terreos do centro e a folla de ruta da Consellaría no seu afán privatizador.

Desde a CIG-Autonómica:

  • Solicitamos a retirada da proposta da administración.

  • Solicitamos a creación inmediata dun novo servizo no centro, que atendería a rapaces maiores de 21 anos. Hai que ter presente que hai unha semana anunciaron nos medios escritos a creación para o periodo 2012-2013 dun centro residencial para adultos de xestión privada.

  • Espuxemos o baixo custe que tería ofertar este novo servizo posto que as prazas xa estaban orzamentadas e só sería cuestión de adecentar un pavillón dos que xa hai levantados e infrautilizados, poñéndoo en funcionamento.

A Secretaría Xeral de Traballo e Benestar non aceptou nin tan só estudar as propostas dos representantes dos traballadores, limitándose a afirmar os representantes da Administración que os orzamentos da Xunta non son un “chicle”.

Na CIG-Autonómica seguiremos a traballar para impedir a privatización do centro, defendendo un servizo público de calidade que os nenos e nenas do centro merecen e impedindo que os cartos dos galegos e galegas vaian a parar ás mans de quen fai negocio con temas tan sensibeis.


Descarga da nota de prensa da CIG-Autonómica