A central subliña que a propia sentenza recolle numerosas incongruencias sobre os feitos xulgados

A CIG comparRolda de prensa sentenza Noyaeceu este martes en rolda de prensa para valorar a sentenza xudicial pola cal o compañeiro detido o pasado 29 de setembro durante a xornada de folga xeral resultou condenado a 8 meses de prisión por resistencia á autoridade. Dende a CIG de Ourense , Etelvino Blanco e Alfonso Diz, Secretario Comarcal e responsábel da CIG-Autonómica respectivamente, amosáronse “abraiados e escandalizados” pola grande mostra de represión que supón esta resolución, especialmente tendo en conta as múltiples incongruencias existentes sobre os feitos xulgados.

Os feitos denunciados aconteceron diante dunha entidade bancaria na que non se produciron danos de ningún tipo. Aínda así “a forza policial decidiu cargar contra os traballadores e traballadoras alí presentes” segundo explicou a CIG en rolda de prensa.

Segundo a propia sentenza, das seis testemuñas que compareceron no xuízo ningunha, salvo o propio axente demandante, viu a presunta agresión, e nin sequera as dúas testemuñas da acusación, compañeiros do axente que denunciou, manifestaron ter visto nada ao respecto.

Así mesmo, apuntaron na rolda de prensa que existen incongruencias como a que se deduce do parte de lesións asinado polo forense. En dito parte faise referencia a lesións no costado esquerdo, mentres que o axente denunciante sempre fala de feridas no costado dereito, tal e como se recolle na sentenza. “Resúltanos curioso que manifeste non lembrar con que man foi a suposta agresión”, puntualizaron.

“Dende a CIG amosamos o noso asombro pola rápida actuación da xustiza sempre que se aplica aos máis débiles en contraposición a cando se lle aplica aos poderosos como Fabra, Gürtel ou o caso do Prestige que leva máis de 8 anos de instrución”.

Dende a CIG manifestamos o “noso convencemento na inocencia do noso compañeiro”. Por iso, Etelvino Blanco e Alfonso Diz denunciaron que “nos parece totalmente desproporcionada a imposición de pena a quen nada fixo e que, a causa da actuación arbitraria da policía, se ve castigada de forma inxusta cunha sentenza coma esta que abala unha conduta dunha policía máis propia de países non democráticos que da policía dun estado democrático”.