Estima a demanda da CIG e o Comité de Empresa e é previsíbel que o criterio xudicial adoptado neste caso se estenda ao conxunto das empresas públicas.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de dar a razón á CIG e ao Comité de Empresa da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza (Sodeco) no conflito colectivo presentado contra a decisión da empresa de reducir nun 5% os salarios dos seus traballadores, en aplicación do Real Decreto-lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes para a redución do déficit público. Sodeco deberá agora devolver as cantidades ilegalmente detraídas aos seus traballadores.

A resolución xudicial declara que o procedemento de modificación substancial de condicións de traballo, utilizado pola empresa para practicar o recorte dos salarios, non é válido para este suposto. A disposición adicional novena do citado Real Decreto-lei 8/2010, do 20 de maio, exclúe o persoal non directivo das sociedades públicas do recorte salarial do 5% que se aplica con carácter xeral aos empregados públicos, «salvo que por negociación colectiva se decida o contrario».

O TSXG aclara este concepto, indicando que esa negociación colectiva non pode reducirse a un trámite de consultas e debe finalizar necesariamente mediante un pacto ou acordo entre as partes, de modo que a empresa non pode impor unilateralmente a decisión de recortar os salarios.

A CIG fai unha valoración moi positiva desta decisión xudicial, que senta un importante precedente para o conxunto das empresas do sector público, tanto a nivel galego como estatal. Na maioría dos casos, estas empresas adoptaron unilateralmente a decisión de reducir os salarios, sen contar co acordo da representación legal dos traballadores, polo que é previsíbel que o criterio xudicial adoptado neste caso se estenda ao conxunto das empresas públicas.