A CIG-Autonómica presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra Medio Rural pola carencia de instalacións propias para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) de Ourense, e máis concretamente no Distrito Forestal XIII Valdeorras – Trives, comarca forestal: Terra de Valdeorras.

A denuncia baséase na falta de instalacións propias no SPDCIF na zona de Valdeorrras, onde os traballadores e traballadoras vense obrigados a mudarse de roupa de traballo no coche, chegando incluso as veces a facelo na mesma rúa, a non ter un lugar onde resgardarse, e mesmo a facer a quenda de noite no mesmo coche, coincidindo moitas veces ata cinco persoas no vehículo, estando polo tanto, baixo unhas condicións de traballo inaceptábeis.

As instalacións das que dispón o persoal do SPDCIF na comarca de Valdeorras é a mesma Casa Grande de Viloira, sendo éste o edificio administrativo que serve coma oficina de Emprego, Sala de Exposicións, Fundacións, etc, non dispondo de zona axeitada para o aseo, así como o descanso do persoal.

Dende a CIG-Autonómica vimos a denunciar que mentres o persoal do SPDCIF na comarca de Valdeorras están sen instalacións, a propia Conselleria do Medio Rural dispón dunhas infraestructuras de titularidade pública na base do helicóptero, sito no campo de fútbol de Vilanova (Barco de Valdeorras), permanecendo pechadas durante todo o ano, agás no verán, período no que fan uso delas o persoal contratado por SEAGA. A través desta denuncia vimos de solicitar a apertura das instalacións de Vilanova e o acceso das mesmas ao persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da comarca de Valdeorras.

A CIG-Autonómica manifesta do mesmo xeito que os traballadores e traballadoras do SPDCIF da comarca de Valdeorras, están sendo discriminados respecto ao persoal da comarca forestal Terra de Castro Caldelas - Trives, pertencente tamén ao mesmo Distrito Forestal, dado que sí dispoñen de instalacións axeitadas, construídas pola propia conselleria nestes derradeiros anos.