A Xunta de Galiza sáltase novamente o convenio para obrigar á mobilidade forzosa do persoal laboral. O venres 5 de novembro tivo lugar unha sesión da Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. A Xunta levou a esa comisión paritaria o traslado forzoso do persoal de cociña que foi substituído por cáterings privados no pasado mes de setembro. Deste xeito a Xunta sáltase o procedemento estabelecido no Convenio Colectivo e obvia aos comités de empresa das distintas provincias para evitar unha negociación e propiciar unha imposición no traslado.

A CIG negouse a votar este punto da convocatoria ao considerar que se trata dun caso de mobilidade forzosa que a Administración non quere recoñecer para evitar pagar as indemnización por traslado forzoso que están reguladas no convenio.

A Xunta deixou moi claras as súas intencións ao dicir, con independencia da postura da parte social, que ía seguir co proceso das novas adxudicacións. E cumpriron a súa ameaza. O V Convenio Colectivo recolle que as decisións da comisión paritaria teñen que ser necesariamente por unanimidade pero á Xunta impórtanlle pouco as irregularidades e confirmou que ían levar adiante o proceso de adscripcións de xeito unilateral. Dende a CIG-Autonómica condenamos con rotundidade a violación sistemática do Convenio Colectivo e o continuo abuso de recursos torticeiros para non cumplir a legalidade, abandonando absolutamente o terreo da negociación e que se adentran nunha política de imposición que se está transformando no santo e seña do Goberno de Núñez Feijoo.

A CIG estudará as todas as fórmulas para recorrer xudicialmente este tipo de políticas de feitos consumados para evidenciar que os métodos que utiliza o Partido Popular para levar adiante o exterminio dos servizos públicos non coñecen de escrúpulos ata o punto de que, se teñen que saltarse á toureira a lexislación vixente, farano.