Os representantes da Consellería do Mar informaron de que están pendentes de que se negocie coa Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda unha solución ao bloqueo dos compromisos previos alcanzados coas organizacións sindicais, tendo en conta que a Consellería dispón de dotación de crédito suficiente para asumilos. Co obxecto de non adiar outras reformas que xa gozan do visto e prace de Facenda, a Consellería do Mar prantexa unha reforma parcial da RPT.

Os compromisos pendentes de execución son a homologación do nivel dos postos da escala de biólogos, á asignación de pluses aos postos de persoal laboral comprometida en febreiro de 2009 e á extensión á Consellería do Mar do acordo para o persoal funcionario dos centros de ensino.

Por outro lado, a Consellería informou ás organizacións sindicais de que nesta proposta de RPT non aparecen os postos afectados polos procesos de consolidación do persoal laboral, senón que serán incluídos cos postos na mesma situación no resto das consellerías nunha RPT global por parte da Consellería de Facenda.

Desde a CIG-Autonómica, dado que a propia Consellería manifesta que existe crédito dispoñible demandamos que se cumpran os compromisos adquiridos con anterioridade pola consellería no que atinxe a:

  • Modificación dos niveis dos postos de traballo da escala de biólogos, demandando a súa reclasificación ao nivel 24
  • Extensión do acordo para o persoal funcionario dos centros de ensino aos centros dependentes da Consellería do Mar
  • Asignación de complementos de singularidade de posto a varias prazas de persoal laboral, segundo o acordado coas organizacións sindicais en febreiro de 2009.

Alén disto, desde a CIG opoñémonos á inclusión na RPT de requisitos que non foron esixidos no proceso selectivo nin no momento da provisión dos postos, como é o caso da esixencia de “Permiso de Conducir B”.

Manifestamos o noso desacordo coa preferencia da Consellería por mellorar as condicións económicas dos postos de libre designación, que contrasta coa austeridade exhibida para os postos provistos por concurso.

Así mesmo, expresamos a nosa oposición a que as Xefaturas das Bases Operativas do Servizo de Gardacostas pasen a ser postos de libre designación.

Outras cuestións manifestadas polas organizacións sindicais, ademais do cumprimento dos acordos previos acadados coa consellería, foron a demanda de que se lle facilite formación ao persoal laboral do grupo IV (oficial de segunda) que desenvolve tarefas de mostraxe no mar.

Por último, cómpre sinalar que a Consellería demandou ás organizacións sindicais que sexa valorada a conveniencia de crear unha categoría específica para o persoal laboral de grupo IV que fai tarefas de mostraxe no mar.

Descarga as alegacións da CIG