Ante as declaracións á prensa do Vicepresidente Terceiro do Goberno do Estado, Manuel Chaves, informando de que o Executivo estuda ligar unha parte do salario do persoal da Administración á súa produtividade, desde a CIG-Autonómica manifestamos a seguintes consideracións:

O concepto de produtividade entendida no sentido de “avaliación do desempeño” a se ter en conta nas retribucións e na carreira profesional dos empregados públicos, está incluída no EBEP (Estatuto básico do empregado público). Desde a aprobación do EBEP no ano 2007, está paralizado o desenvolvemento da carreira profesional dos empregados públicos na Administración central e na Xunta de Galiza.

Dada a suspensión unilateral dos acordos vixentes en materia de retribucións por parte do Goberno do Estado a través do “Decretazo” de xuño de 2010, desde a CIG-Autonómica consideramos pouco edificante que agora o responsable estatal da Función Pública realice declaracións que, no fondo, veñen a cuestionar diante da sociedade o desempeño e o valor do traballo dos empregados públicos.

A CIG-Autonómica, que no seu momento rexeitou a aprobación do EBEP, está en contra da introdución de calquera concepto  non obxectivo que inflúa nas retribucións dos empregados públicos. Non aceptaremos que a discrecionalidade política ou a afinidade persoal poidan influír nas retribucións do persoal.

A Administración, a diferencia das empresas privadas, non ten por obxectivo o lucro particular senón o servizo aos intereses xerais, creando as condicións nas que se desenvolve a actividade económica privada e producindo bens e servizos que, pola súa propia natureza, están fóra do mercado e do concepto de oferta e demanda aplicables a calquera empresa privada: como medir obxectivamente a produtividade do persoal dun centro de ensino público, dunha residencia de maiores ou dunha brigada de bombeiros forestais?