Os Sectores Autonómicos de CCOO, CIG, CSI-F e UGT denunciamos a política privatizadora do Partido Popular no goberno da Xunta de Galiza.

O 3 de decembro de 2010 vaise celebrar unha Mesa Xeral de Negociación onde a Administración pretende destruír 19 postos de traballo nun centro emblemático no eido da Educación Especial como é o C.A.E.E Santiago Apóstolo da Coruña. Esta medida avanza a política que vai levar adiante o Partido Popular con relación aos Servizos Sociais públicos: desmantelamento progresivo, redución de persoal, e perda de calidade dos servizos prestados para logo xustificar a súa privatización. O Santiago Apóstolo xunto co centro Terra de Ferrol-Souto de Leixa, son as primeiras vítimas desta política consciente de abandono do Público. Esta política de inhibición na que se deixa esmorecer estes centros e se aposta por derivar aos usuarios a centros privados constituíndo un despilfarro de recursos públicos.

As Organizacións Sindicais CCOO, CIG, CSI-F e UGT, esiximos á Administración da Xunta que retire este punto da orde do día desta Mesa Xeral e que abra unha mesa de diálogo sobre o encaixe deste centro dentro do sistema público de Servizos Sociais.