O director xeral convocou ás organizacións sindicais (con urxencia) o pasado venres, 10 de decembro, co motivo de aclarar varios asuntos que van á Comisión de Persoal do luns, 13 de decembro, e o proceso de consolidación de persoal laboral.

Comisión de Persoal

  • Elimínase unha praza do concurso de corpos xerais por sentenza xudicial: persoal subalterno no IES de Cambre.

  • Tentaran recololcar os 3 persoal laboral fixo do Santiago Apostol na Coruña.

  • En 15 días publicarán as convocatorias derivadas da Comisión de Persoal: legoeiros e estatística; van editar os temarios na EGAP.

  • Non vai haber OPE 2010 e vai habela no 2011, pero só de persoal funcionario e pequena.

  • As instruccións de funcionamento dos tribunais dos procesos selectivos vanse publicar como orde. Función Pública vai remitilas a Educación e Sanidade para vincular a toda a Administración, incluída a “Administración Institucional” (entes, axencias…).

Consolidación

Vaise publicar a RPT de consolidación antes de fin de ano coas 670 prazas, tanto as xa existentes e publicadas nas modificacións de RPTs como as que faltan. As que non cumpran todos os requisitos, incluído o de ter sentenza antes da entrada en vigor da modificación da Lei da Función Pública, non van á consolidación. É máis, segundo o director xeral as prazas que haxa que crear como consecuencia de sentenzas crearanse de persoal laboral ou funcionario segundo o posto de que se trate. Puxo o exemplo da Consellaría de Economía e Industria, onde se crearon prazas de enxeñeiros/as técnicos e superiores como de persoal funcionario.  A CIG-Autonómica insistiu en que a decisión de crealas dun ou doutro xeito están a tomala arbitrariamente.

Na próxima Comisión de Persoal comunicarános se aceptan algunhas cuestións pendentes desde hai tempo. A única que concretan é que van aceptar a proposta das organizacións sindicais de que o tempo traballado compute na categoría da praza creada. Na semana do 20 trasladarannos o borrador de decreto no que van definir pormenorizadamente todo o relativo á consolidación, e teremos tempo para negocialo porque 1º van sacar a convocatoria de concurso de traslados do grupo V e logo a consolidación. A CIG-Autonómica advertiulle que os dous asuntos están vinculados e que hai cuestións que non se poden descoidar, como que a toma de posesión do concurso e da consolidación ten que ser ao mesmo tempo. O director xeral dixo que non ía haber atrasos e que ían editar os temarios na EGAP.

O director xeral insistiu que por unha directriz europea derivada de sentenzas xudiciais non se poden marcar diferenzas no cómputo dos servizos prestados en distintas administracións en normas con rango de lei. Dixo que isto é un problema para a consolidación, pero que o tentarán solucionar incluíndo as diferenzas de cómputo nas convocatorias, aínda que non poderan ser tan grandes.