O 17 de novembro de 2010 desde a CIG-Autonómica denunciamos un novo atropelo por parte do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, que novamente “esqueceu” o dereito das traballadoras e dos traballadores a conciliar a vida laboral e familiar e impide a unha traballadora gozar dun dereito fundamental, como é a licenza por lactación no tempo que a traballadora solicitou, inventándose ou interpretando unha norma de xeito sectario e ditatorial.

O Xulgado do Social nº 1 de Ourense ven de confirmar esta denuncia feita no seu día e de ditar unha sentenza sen posibilidade de recurso, onde cualifica a negación do dereito ao goce do permiso de lactación no horario de traballo como non acorde a dereito e un ataque aos dereitos fundamentais recollidos na Constitución, indicando que o non desfrute do permiso nos termos solicitados pola traballadora sería discriminatorio e conculcaría o artigo 14 da Constitución Española.

Co historial que ten, non sabemos si a intención do Sr. Selas será continuar negando dereitos fundamentais aos/as traballadores/as, e pronunciándose de xeito “chulesco” como neste caso con expresións como “si no te gusta, ya sabes... vas al juzgado y asunto arreglado”.

Pois ben, o Xulgado desta Cidade xa se pronunciou, o cal quere dicir que o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia de Ourense ten que ser CESADO de xeito inmediato, de non ser así entenderemos que os seus inmediatos superiores son cómplices de este tipo de actuacións e están de acordo con que un superior conculque dereitos fundamentais a unha traballadora, recollidos na Carta Magna. Se dende a Secretaría Xeral da Consellería e dende a Dirección Xeral da Función Pública non toman cartas no asunto e permiten este tipo de tropelías serán cómplices das actitudes ditatoriais que o único que perseguen é crear inquedanza nos traballadores e nas traballadoras da Xefatura Territorial.