O músico e escritor Xurxo Souto encargouse de ler un manifesto na defensa dos postos de traballo e da xestión directa.

Traballadores e traballadoras do centro de educación especial Santiago Apóstolo representaron na mañá deste venres, diante do edificio administrativo da Xunta en A Coruña, o “velorio” pola morte deste servizo público. A protesta, enmárcase no calendario de mobilizacións convocado pola CIG e UGT na defensa da xestión pública do centro e contra a amortización de 19 empregos decretada pola Consellaría de Traballo e Benestar.

As organizacións sindicais CIG e UGT continuarán co calendario de mobilizacións este venres, co reparto de folletos informativos entre os veciños e veciñas de A Coruña, e o vindeiro luns está prevista unha caravana de vehículos que partirá dende as instalacións do centro en As Xubias.

Ver a lectura do manifesto por Xurxo Souto en YouTube

MANIFESTO

O Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo é un centro público dependente da Consellaría de Traballo e Benestar, Xunta de Galiza. Conta cunha traxectoria de 34 anos na atención ás persoas con discapacidade intelectual, entre os tres e os vintecatro anos, e atende a usuarios/as procedentes da cidade de A Coruña, da comarca e do resto de Galiza. Inaugurado no ano 1976, grazas aos terreos cedidos por Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa.

O obxectivo do centro é proporcionar a aquelas persoas que, polas súas especiais características non poidan ser integrados en Centros de Educación ordinarios, a atención educativa e asistencial que precisen en función das súas necesidades físicas, intelectuais, e afectivas, seguindo os principios de normalización, individualización e integración social.

É deber da Xunta, proporcionar os medios precisos e crear as prazas públicas suficientes, para atender ás necesidades daqueles sectores da poboación máis indefensos e en maior risco de exclusión social; garantindo a calidade da súa atención e iso conséguese con prazas públicas de xestión pública.

A Consellería de Traballo e Benestar, eludindo a súa responsabilidade, pretende desfacerse do centro e, en ningún momento propón reconverter o Santiago Apóstolo, a pesar de que a Secretaria Xeral Cristina Ortiz, ao longa das distintas mobilizacións pola defensa do centro, aseguraba unha e outra vez que se ía mellorar e se estaba a buscar a mellor solución posíbel para o Santiago Apóstolo.

Este plan de mellora tradúcese, de forma inmediata, na amortización de 19 postas de traballo por parte da Consellaría de Traballo e Benestar e, a posterior, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vai seguir coa política de destrución de emprego público e de prazas públicas. Como consecuencia, a necesidade social vai quedar desasistida.

Facemos un chamamento á cidadanía galega e, en especial, ás mulleres, homes e institucións da comarca de A Coruña para que unan a súa voz á nosa, e esixan á Xunta de Galiza que aumente a oferta de servizos para os usuarios maiores de 21 anos (centro residencial, centro de día, centro ocupacional.. .. ) do Santiago Apóstolo a través dunha xestión pública do mesmo, mantendo o persoal especializado existente e adecuando as instalación ás novas necesidades e retos que a sociedade demanda.

Así, as traballadoras e traballadores do centro, cuxa maior aspiración é o progreso dos usuarios/as ao seu cargo, sen ter en conta ningún beneficio económico, elevamos a nosa voz en defensa, non só dos nosos postos de traballo, senón que defendemos, como sempre fixemos, aos/ás nosos/as usuarios/as, homes e mulleres, aos que atendemos, educamos, coidamos e sobre todo respectamos.

Gracias a todos vós, os/as que cremos nos servizos sociais públicos de calidade, temos a forza necesaria para seguir defendendo os dereitos dos máis febles e reivindicando a consolidación e ampliación dos servizos sociais públicos.

Por todo o exposto, seguimos a defender o Centro Santiago Apóstolo como un recurso público, con xestión pública, con empregados públicos e de calidade.