Residencia do Maior do CarballiñoNo Carballiño hai unha residencia de maiores que estaba a dar servizo a 48 residentes. Xa hai tres anos a Xunta de Galiza comezou a construción dun novo edificio, anexo á antiga residencia, e que ten capacidade para atender a 88 novos dependentes.

Dende a CIG-Autonómica levamos máis dun ano demandando información á Consellaría de Traballo e Benestar sobre os prazos de apertura e o orzamento para a dotación de persoal da Residencia e denunciando que no antigo edificio se reduciron as prazas das 48 existentes ás 24 actuais sen que, a día de hoxe, non se abrira nin haxa visos de abrir o novo edificio debido a que os plans que teñen para ela non son os que queren transmitir nestas datas tan próximas ás eleccións municipais.

Nestes tempos de crise a mensaxe continua das institucións é de austeridade e contención do gasto. O goberno do PP non escatima esforzos en predicar austeridade e contención pero, como din os sabios, unha cousa e predicar e outra dar trigo. A sorpresa que esconde a residencia do Carballiño é a duplicidade servizos é dicir: hai dúas cociñas, dous comedores, dúas lavandarías, dúas enfermerías, etc. Non fai falta explicar que en dous edificios separados 10 metros e unidos mediante corredores é un derroche inexplicábel duplicar os gastos e os servizos. A pregunta que se suscita é doada: Por que se fai entón así?

Está claro, os servizos se lle darán a algunha empresa da cor política do goberno popular, introducindo así a unha empresa que se levará un lucro pola mera intermediación na contratación do persoal e, obviando, que a residencia xa conta con eses servizos que habería que adaptar ao novo número de residentes. Pero os orzamentos da Xunta non contemplan a creación de prazas e as preguntas sobre isto que lle formulamos tanto a CIG como o Comité de Empresa da Área de Benestar sempre tiveron a calada por resposta evidenciando o destino privado da residencia.

A ansia privatizadora do goberno do Partido Popular chega aos extremos máis básicos da sociedade, eliminando residencias de maiores públicas, é dicir, destrozando o único sistema que garante a atención universal aos nosos maiores e non soamente ás persoas que poidan pagar un alto prezo por uns servizos sociais privatizados. Isto non é novo. Xa nos toca vivilo coa sanidade. Agora van polos servizos sociais. Entendemos tamén que o Carballiño vai a ser o sinistro laboratorio de probas que o PP vai utilizar para extender este modelo privatizado as residencias públicas da Xunta de Galiza.

Dende a CIG-Autonómica instamos a que o Partido Popular do Carballiño se pronuncie sobre este aspecto e lle exixa á Consellaría de Traballo a dotación orzamentaria necesaria para a apertura inmediata do novo edificio da Residencia do Maior do Carballiño coa dotación de persoal público necesaria.

Unha vez máis se discrimina a provincia de Ourense, en concreto á comarca do Carballiño, xa que no pacto de persoal do ano 2008 estaba asinada a creación de 15 novos postos de traballo na antiga residencia do Maior e, reiteradamente se nos confirmou que o edificio anexo ía ser unha soa residencia dotada de persoal da Xunta de Galiza. Estaríamos a falar da creación dun mínimo de 60 novos postos de traballo aos que habería que sumarlle os 15 postos anteriores.

Foto: Martiño Pinal, publicada no diario La Región: http://www.laregion.es/noticia/138437/residencia/asistidos/abrira/ultimo/trimestre/