O luns 17 de xaneiro os sindicatos tivemos unha xuntanza coa secretaria xeral da consellaría de presidencia a fin de tratar a que sería a súa proposta de RPT (relación de postos de traballo) ante a Mesa Xeral de Empregados Públicos, e inda que se comprometeu a revisar algún aspecto, moito nos tememos que esta RPT vai servir para pagar favores e agradecementos.

Outra vez mais nos encontramos con supresión de postos de traballo, a maioría de "indios" para crear "xefes". Está ben que cren postos necesarios, pero non que se adiquen a eliminar numerosos postos base, limpeza, etc, para crear xefaturas e financiar subas de retribucións a outros.

Respecto do persoal de limpeza, durante as recentes eleicións sindicais de presidencia puideron escoitar como "comerciais" dun sindicato corporativo prometía a ampliación dos contratos e xornada de traballo, porque disque tiñan un contacto no goberno do PP. Agora que rematou o tempo de propaganda, convidamos ao persoal a que exixa a eses vendedores que cumpran a sua palabra e eviten as eliminacións dos postos.

No apartado de prebendas, temos un amplo surtido. Nun tempo de crise con recortes salariais e eliminación de postos de traballo, a consellaría de presidencia ten a cara dura de atreverse a propoñer que un reducido número de persoas, a maioría de libre designación, vexan incrementadas as suas retribucións: mais complemento para xefatura de secretaría do gabinete da consellaría, aplican a un subdirector xeral un acordo retributivo que estaba pensado para técnicos de garda en asuntos de accidentes laborais, ..

Entre os agraciados temos a dous traballadores do parque mobil: é vox pópuli a implicación dun tal R.C. en todo tipo de trapalladas, favoritismos, ameazas, promoción profesional e até sindical. Agora, dous protexidos de R.C. van realizar, un deles, o traballo que viña facendo R.C., e outro, unhas funcións para as que hai moita outra xente cualificada. A CIG irá á xustiza para evitar esa mellora a dous postos "con bicho dentro". Se consideran que hai que retribuir as funcións a postos concretos, exiximos que as creen vacantes e así todos poidan optar a eles. Ao CSIF lle exiximos que deixe de apoiar as prebendas para os seus colaboradores.

Para rematar, queremos criticar o abuso que supón a apertura de postos a outras administracións sen criterio de reciprocidade, a recualificación como libres designación de postos de concurso, incluidos varias xefaturas de sección, negociado e areas técnicas.

En feitos coma esta proposta de RPT vemos a administración que quere este goberno: unha administración politizada, feita a base de amizades e estómagos agradecidos onde a auseteridade aplicase tan só para os que non son de confianza, é dicir, para os empregados e empregadas públicas independentes que poñen o seu traballo polos intereses xerais por diante dos intereses políticos do goberno de quenda.

Descarga as alegacións presentadas pola CIG

Descarga a documentación coa proposta de modificación de RPT achegada pola administración