CCOO, CSIF e UGT impiden votarO próximo día 14 de febreiro constituirase a mesa para a elección da Xunta de Persoal Funcionario de Ourense.
O pasado luns celebrouse unha xuntanza previa para as ditas eleccións sindicais e a CIG solicitou que houbera mesas electorais itinerantes nas comarcas de Verín, Xinzo, O Carballiño e Ribadavia. Do mesmo xeito solicitamos que houbera unha mesa fixa no Barco de Valdeorras xa que dita localidade conta cun edificio administrativo declarado así pola Administración.

Na dita xuntanza CCOO, CSI•F e UGT posicionáronse en contra de que existiran esas mesas co peregrino argumento de que os funcionarios e funcionarias de fóra da cidade “tienen 4 horas para votar” e “pueden venir a Ourense a hacerlo si quieren”.

Curiosamente esas tres organizacións sindicais posiciónanse de xeito ben distinto cando se tratan de eleccións de persoal laboral. Nese caso aceptan a proposta da CIG de que haxa mesas itinerantes pero, no caso do persoal funcionario, por vai a saber ti que razóns lles parece mal que existan e, deste xeito, obrigan a todo o que queira exercer o seu dereito ao voto a desprazarse centos de quilómetros en moitos casos ou a votar por correo e desembolsar unha cantidade de diñeiro para facelo gravando aos empregados/as públicos/as por exercer un dereito que debera ser de balde.


Ademais do anterior tamén teñen a intención de restrinxir o horario de votación estabelecendo o horario de votación soamente de mañá obviando que centos de traballadores e traballadoras desenvolven a súa xornada laboral en quendas co que teñen outros horarios de traballo e facendo caso omiso ao regulamento de eleccións que di que a votación ten que realizarse en xornada laboral.

Dende a CIG denunciamos este tipo de prácticas restritivas da participación dos compañeiros e compañeiras que traballan ou viven fóra da cidade ou que poden traballar en quendas de traballo distintas ao horario de votación provocando unha discriminación que en ningún caso debera acontecer.