Novas por contido

O 16 de febreiro tivo lugar a Mesa Xeral na que a Xunta levou a proposta de amortizar 51 postos de traballo do Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol". Estes postos de traballo “sobran” segundo a Xunta despois de que eles mesmos decidiran dividir xurídica e fisicamente un único o centro en dous, o "Terra de Ferrol", que quedaría como público, e o "Souto de Leixa", que sería privatizado.

O día 15  publicábase no DOG a formalización do contrato de xestión do centro Souto de Leixa por cerca de 6 millóns de € á empresa CLECE S.A. O resultado desta operación é donarlle á empresa de Florentino Pérez un centro feito con cartos públicos e 6 millóns de euros para xestionalo e as consecuencias son a privatización dun servizo público, o deterioro do servizos prestados aos usuarios, nenos e nenas discapacitados/as, que ven como diminúe o persoal que os atende e 51 despidos de traballadores/as con sobrada experiencia e coa condición de empregados/as públicos/as.

A falsa política de austeridade do Partido Popular consiste en limitar o gasto no capítulo de persoal reducindo emprego público para darlle eses cartos a empresas privadas. Consiste en deteriorar os servizos públicos para logo xustificar a súa privatización.

Ante isto a CIG-Autonómica convocou aos seus delegados/as, aos que se uniron os de UGT para mostrar a súa oposición a esta manobra privatizadora que implica a amortización de 51 postos de traballo que se suman aos case 200 que a Xunta ten amortizado nestes anos de mandato do Partido Popular.

Queremos salientar tamén o indigno papel de CCOO que se negou á mobilización e a que o comité de empresa de persoal laboral de Educación na provincia da Coruña tivese a súa reunión na EGAP en Compostela coincidindo coa Mesa Xeral en solidariedade cos compañeiros/as despedidos/as.

Tendo en conta que a actividade  económica do centro de traballo segue a prestarse, e que a Xunta se lava as mans en relación cos/as seus/suas traballadores/as ao non plantear tan siquera a Clece (empresa que se fixo cá xestión privada) á necesidade da subrogación dese persoal que estaba prestando os seus servizos na unidade económica productiva, isto demostra unha moi mala intención por parte da Administración, ao lle facilitar o camiño á empresa privada, desfacendose das súas obrigas laborais en lugar de trasladalas a quen o sucede empresarialmente (¿porqué será que Beatriz Mato, Jesús Vázquez e Núñez Feijoó se preocupan tanto de que todo sexan beneficios para certas empresas privadas e abandona ao seu persoal e aos discapacitados/as a un servizo que o tempo xa está a demostrar a deficiente calidade que ofrece¿). O noso sindicato argumentou razóns técnicas para a non amortización desas prazas basadas en cuestións de ratios nalgúns departamentos e, por suposto, razóns políticas de defensa dos servizos públicos de calidade prestados por empregados públicos e as falsidades das súas políticas de austeridade.

O seguinte paso desta crónica dunha amortización anunciada será a Comisión de Persoal do luns 21 de febreiro, na que se decidirá se se levan a cabo as amortizacións; dado que a Administración ten maioría de votos na Comisión de Persoal, que resultado podemos agardar?

Ante este talante negociador, aos traballadores/as que vemos perigar o noso posto de traballo o único camiño que nos queda é a defensa dos nosos empregos con todos os medios de que dispoñamos e así se lle fixo saber hoxe a Administración cunha concentración de traballadores do centro "Terra de Ferrol" e de delegados da CIG e UGT, cunha sonora protesta e berros contra as súas políticas desmanteladoras dos servizos públicos.

Desde a CIG-Autonómica, en todas aquelas accións de protesta que están a desenvolver os e as traballadores/as contra a privatización dos servizos públicos, alí nos veremos.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...