Non á amortización de 51 prazas no CEE Terra de Ferrol. Non á amortización de 148 prazas no SPDCIF. Na defensa dos servizos públicos. Concentracións o luns 21 de febreiro, ás 9:30h na EGAP-Compostela.

A CIG-Autonómica fai un chamamento a todos os traballadores públicos para concentrarse o vindeiro luns 21 de febreiro ante a EGAP con motivo da convocatoria da Comisión de Persoal onde a Xunta pretende amortizar 51 postos de traballo do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol.

Do mesmo xeito Medio Rural ven de enviarnos a RPT da Consellaría onde se excluen 148 prazas de peóns e peóns conductores que pretenden amortizar, o cal implica a destrucción do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.


A CIG-Autonómica mobilizouse este mércores diante da Mesa Xeral para evitar a destrución dos 51 postos de traballo do "Terra de Ferrol" xunto con delegados da UGT ao negarse o resto de centrais sindicais á mobilización e xa tiñamos convocada unha mobilización para este luns polo mesmo motivo.

Cursaremos un escrito ás organizacións sindicais CCOO e CSIF, para que ainda que non se mobilizaran nin se vaian mobilizar contra os despedimentos do CEE Terra de Ferrol acudan a esta mobilización en defensa do SPDCIF.

Estes postos de traballo "sobran" segundo a Xunta despois de que eles mesmos decidiran dividir xurídica e fisicamente un único o centro en dous, o "Terra de Ferrol", que quedaría como público, e o "Souto de Leixa", que sería privatizado.

O día 15  publicábase no DOG a formalización do contrato de xestión do centro Souto de Leixa por cerca de 6 millóns de € á empresa CLECE S.A. O resultado desta operación é donarlle á empresa de Florentino Pérez un centro feito con cartos públicos e 6 millóns de euros para xestionalo e as consecuencias son a privatización dun servizo público, o deterioro do servizos prestados aos usuarios, nenos e nenas discapacitados/as, que ven como diminúe o persoal que os atende e 51 despidos de traballadores/as con sobrada experiencia e coa condición de empregados/as públicos/as.

Estas privatizacións non son as primeiras, senon que é a continuación de outras xa executadas, como o Centro de Educación Especial Santiago Apostol da Coruña, ou dos servizos de cociña, limpeza ou mantemento das consellarías de Educación, Traballo ou Xustiza.

VIVIMOS TEMPOS DUROS ONDE PERIGAN OS EMPREGOS PÚBLICOS E ONDE SÓ UNHA RESPOSTA CONTUNDENTE PODE FREAR A DESTRUCCIÓN DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA QUE PRETENDE O PARTIDO POPULAR. NON SON TEMPOS DE DIALOGO SOCIAL NIN DE PACTOS SENÓN DE LOITA EN DEFENSA DOS NOSOS DEREITOS E DOS NOSOS EMPREGOS.

MOBILIZATE EN DEFENSA DO PÚBLICO!!!
O LUNS 21 DE FEBREIRO TODOS E TODAS Á EGAP!!!

Ver galería de fotos.