Sr director, a vostede véselle o plumeiro. Diante da denuncia presentada pola CIG, referente ás anomalías detectadas no censo electoral e que impiden o dereito ao voto de 150 empregados/as públicos/as con destino na Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, non se lle ocorre outra desculpa que dicir que isto obedece a un erro informático, pero que como a xente non reclamou en prazo non dá volta atrás ao proceso.

Sr. Barreiro, dende tempos inmemoriais, na Xunta leváronse a cabo centos de procesos selectivos, ducias de concursos de traslados, de eleccións sindicais, etc. En todos eses procesos o organismo convocante expón listados provisionais e posteriormente definitivos e, antes de publicalos, fai un cotexo aleatorio para detectar eses posibles erros e depuralos en orixe.

O feito de que o número de excluídos neste proceso sexa tan elevado, só pode obedecer a unha evidente falla de celo profesional dos responsables da elaboración de dito censo, dado que a relación provisional saíra confeccionada case á perfección e onde se atopan os erros de bulto é na relación definitiva. Que ocorreu? pois que ninguén da Dirección Xeral que vostede mal dirixe se dignou a facer esa mostraxe aleatoria e, o que aínda é máis grave, non comunicou correctamente a exposición do mencionado censo no taboleiro de anuncios desta consellería

Non se expuxo correctamente, porque o único lugar onde se depositaron as listaxes foi no mostrador do rexistro xeral, sen unha nota informativa colgada no taboleiro onde se indicara que se atopaban aí. E o funcionario non o puido colocar nese taboleiro, porque está pechado con chave e non sabemos quen a custodia. A metedura de pata de F. Pública é tal, que, tal e como se pode comprobar, nese taboleiro figuran expostos os resultados das ELECCIÓNS SINDICAIS DO ANO 2007, o que amosa a desidia que empregaron na correcta difusión do proceso.

Non bote balóns fóra e non nos tome por parvos. O feito de que só tres persoas reclamaran sobre un total de 150 afectados, ou que un membro da mesa electoralm comunicara eses erros e non se lle fixera nin caso, deixa en evidencia que a carencia deinformación ao persoal foi cáseque premeditada e feita con aleivosía, en compadreo coa CSIF que se opuxo radicalmente á confección dun anexo a ese censo que evitaba inclusive demoras nos prazos. A CSIF cómo únicos argumentos dixo que a CIG tiña sindicalistas históricos neses listados (debía darlle medo que se puidera depositar o noso voto a favor de quen teñen a honra de ter gozado da nosa confianza durante máis de 20 anos) ou que un sindicato sen presenza algunha en anteriores eleccións puidese impugnar as mesmas; ou sexa, xogando a futuribles case imposibles.

Sr. Barreiro, dimita dunha vez, pois volve a amosar a súa incompetencia para dirixir a función pública galega, como xa o amosou vostede cando dirixía os servizos xurídicos desta Consellería e perdía máis do 90% dos casos presentadas nos xulgados polo persoal do SERGAS.

Descarga o CIG-Informa sobre a denuncia realizada.