O Goberno central vén de achegar á CIG a proposta de modificación do réxime de clases pasivas que, co argumento da homoxeneización co réxime xeral da Seguridade Social, procura retrasar e agravar as condicións de xubilación. Entre o persoal da Xunta de Galicia, pertencen a este réxime os funcionarios transferidos desde a Administración xeral do Estado.

A proposta, que non foi presentada na mesa sectorial de MUFACE, está a ser negociada polo Goberno central cos sindicatos estatais, sen abrir vías de negociación coa CIG, a pesar de estar presente na Mesa Xeral de Administracións Públicas do Estado, incluiría os seguintes cambios no réxime de clases pasivas:

- Retraso da idade de xubilación con carácter xeral aos 67 anos

- A xubilación aos 65 anos sen penalización só sería posible con 38 anos e medio de servizos.

- Posibilitaríase a xubilación anticipada aos 63 anos cun coeficiente redutor da pensión do 1,875% por cada trimestre de adianto sobre a idade de xubilación que corresponda. Para acollerse a esta modalidade habería que contar con 33 anos de servizos.

Ao igual no caso da xubilación aos 67 anos no Réxime Xeral da Seguridade Social, a CIG está en desacordo con esta proposta, que na práctica vai supor a xeneralización da xubilación aos 67 anos no réxime de clases pasivas.

No ámbito da Xunta de Galicia,  o rexime de clases passivas MUFACE afecta a preto de 5.000 funcionarios da Administración xeral autonómica e a uns 34.000 docentes. MUFACE está a extinguir desde o 1 de xaneiro de 2011, xa que todos os empregados públicos que tomen posesión a partir desa data son do Réxime Xeral da Seguridade Social.

  •  Descargar o documento achegado polo Goberno á CIG sobre a reforma de clases pasivas