O 13 de abril de 2011, a Secretaría Xeral de Traballo e Benestar mantivo unha xuntanza para informar ás organizacións sindicais sobre a contratación de promotores de emprego:

  • A contratación sería de cando menos 109 promotores/as de emprego ás oficinas de emprego dependentes da Xunta, en aplicación do  Real decreto-lei 13/2010 e do Real decreto-lei 1/2011.
  • As condicións impostas pola subvención do Estado para a dita contratación non permiten que estas contratacións sexan do grupo A1 o I do persoal laboral, de xeito que terán que ser do Grupo A2 ou II. A Administración ademais manifesta a súa intención de que sexan do Grupo II de persoal laboral, en prazas creadas en RPT e cunha nova categoría que sería a seguinte: Grupo II, Categoría 050 (PROMOTOR/A DE EMPREGO)
  • A titulación requirida para a categoría a crear sería a seguinte:
    • Educación Social
    • Traballo Social
    • Diplomatura en Relacións Laborais
    • 1º ciclo das Licenciaturas de Psicoloxía, Socioloxía, Pedagoxía ou Psicopedagoxía.
  • A contratación sería como persoal laboral temporal nun chamamento xenérico ao INEM.
  • As funcións recóllense no artigo 17 do Real decreto-lei 13/2010 serían, entre outras:
    • Atender directa e personalizadamente ás persoas desempregadas mediante:
      • A realización dos itinerarios individuais e personalizados de emprego e
      • Outras accións de mellora da empregabilidade, como actuacións de orientación e formación para o emprego para desempregados con baixa cualificación.
    • Informar ás empresas e realizar prospeccións do mercado laboral do seu contorno
    • Seguir as actuacións realizadas coas persoas desempregadas e as empresas.

Os postos de traballo serían:

  • Provincia da Coruña: 44
  • Provincia de Lugo: 10
  • Provincia de Ourense: 12
  • Provincia de Pontevedra: 43


A CIG manifestou que estas funcións son as que se están a realizar a día de hoxe nas oficinas de emprego por parte do persoal que está asignado as mesmas, tanto o persoal laboral como o persoal funcionario contratado para facer un programa determinado (programa de emprego).

Lembramos que no ano 2005 convocáronse oposicións para persoal do Grupo I e Grupo II (a súa inmensa maioría nas oficinas de emprego) nas categorías 004 do grupo I e 007 do grupo II, polo que non entendíamos como se podía a día de hoxe atomizar máis a administración creando ou pretendendo crear unha nova categoría, xa que o que se debería facer e simplificar as categorías que existen a día de hoxe na Administración galega.

Manifestamos a maiores o inxusto que sería para as persoas que están nas listas de contratación e que teñen experiencia neste campo e agora cun chamamento xenérico ao INEM para unha categoría nova non se lle ia a puntuar esa experiencia, xa que o V Convenio non o permitiría.

Manifestamos tamén o inxusto que sería para persoas que se presentaron a oposicións aos grupos antes mencionados e que teñen outro tipo de titulacións que agora non poidan acceder a estas por mor de acotar a unhas titulacións expecíficas.

Por último lembrámoslle á Administración que no comité intercentros a CIG xunto con CC.OO e UGT xa se manifestou en contra da creación de unha categoría moi parecida a esta.

A Administración emprazounos a outra xuntanza o venres, día 15 de abril, para seguir a falar desta proposta.

ÚLTIMA HORA: Xuntanza aprazada pola Administración para o 18 de abril