A CIG denunciou hoxe en Ourense, en rolda de prensa, a intención da Consellaría de Traballo e Benestar de pechar os 12 centros integrados de formación profesional de Galiza e despedir a máis de 100 expertos e expertas docentes. Estamos a falar de que soamente en Ourense se programaban uns 40 cursos ao ano e que agora mesmo tan so se están a realizar tres. Isto significa deixar de formar máis de 600 alumnos neste centro.

Pero o que está a pasar en Ourense pódese ampliar a todo o país e, por exemplo, en Vigo soamente se vai realizar un curso de 60 horas cando antes tiña unha programación de 39-40 cursos ao ano e en Santiago, centro de referencia da madeira a nivel estatal, non se vai realizar ningún. E así sucesivamente podémolo aplicar aos 12 centros antes mencionados.

Dende a CIG estamos a denunciar publicamente o continuo desmantelamento de centros públicos e a destrución de servizos que está a levar a cabo a Xunta de Galiza do Partido Popular.

Esta denuncia non é unicamente polo despedimento dos máis de 100 traballadores e traballadoras deste centros formativos senón tamén pola situación na que quedan un inxente número de parados e paradas que perden a posibilidade de ter unha formación, fundamental para a construción dun tecido produtivo competitivo na Galiza nestes tempos de crise.
Estamos a falar duns cursos que habilitan profesionalmente para desenvolver funcións profesionais. Como exemplo, para poder traballar de electricista ou mesmo montar unha pequena empresa de electricidade, é necesario un destes cursos ou ben un ciclo formativo de formación profesional.

A Xunta de Galiza acostuma a escusar todas e cada unha das súas accións nas dificultades orzamentarias algo que neste caso non poden invocar xa que estes cursos están subvencionados pola Unión Europea, cun orzamento de 10 millóns de euros para cursos que se deberan realizar nos centros propios. Que vai pasar con eses cartos? Vanse devolver a Europa? Ou o que pretenden é privatizar toda a formación destinada a desempregados e desmantelar os 12 centros que a Consellaría ten repartidos por todo o país?

Dende a CIG esixímoslle á Consellaría de Traballo e Benestar que oferte todos e cada un dos cursos que estaba previsto realizar de xeito inmediato xa que senón entenderíamos que a tan cacareada política activa de emprego para Feijoo é soamente un arma política, desprezando totalmente aos 280.000 parados e paradas de Galiza que teñen dereito a recibir unha formación profesional.