Mentres Facenda continúa botando balóns fóra no asunto do atraso no cobro das nóminas, a CIG-Autonómica esíxelle á conselleira que se depuren responsabilidades para asegurar que esta situación non se volva a repetir. O persoal da Xunta leva xa acumulados moitos puntos de perda de poder adquisitivo, e máis co último recorte salarial, para aínda por riba ter que soportar cargas financeiras adicionais.

Nestes últimos dous meses o persoal da Xunta de Galicia vén cobrando a nómina cun certo atraso con respecto ao que atá o de agora viña sendo habitual. Na última nómina o atraso foi tal que moitos traballadores chegaron a dispoñer do diñeiro na súa conta o 2 ou mesmo o 3 de maio. Nesas datas son moitas as persoas que teñen xa domiciliado o pagamento de recibos ou débedas, ocasionándolle gastos en concepto de descubertos.

Desde a CIG tivemos coñecemento de que o libramento dos fondos por parte do Tesouro fíxose estes 2 meses axustando os prazos ata o último día permitido pola normativa. Porén, nesta ocasión obviouse que ao existir unha fin de semana polo medio e coa operativa interbancaria actual, cabía a posibilidade de que os traballadores que non teñen conta na entidade colaboradora recibirían a transferencia xa en maio. Pódese falar logo de imprevisión?

Por outra banda, o libramento do Tesouro non foi completo para pagar as nóminas dos traballadores de todas as consellerías. Isto tivo como resultado que, con independencia da entidade bancaria final do traballador, uns traballadores cobraran antes que outros.

Con base ao anterior, a CIG vén de solicitar á conselleira de Facenda que:

1) Tome as medidas oportunas para que estes atrasos non se volvan repetir e o persoal da Xunta, independentemente da consellaría para a que traballe, poida seguir percibindo as retribucións tal e como viña facendo na súa conta de xeito habitual.

2) Depure as responsabilidades entre a Administración e a Entidade Bancaria colaboradora para atopar a resposta da maior demora da percepción dos haberes dos traballadores en determinadas consellarías (Cultura, Mar, Medio Rural e Presidencia).

3) Para rematar coas suspicacias que xeran estes atrasos nos pagamentos das nóminas, dea unha resposta oficial a este escrito dando coñecemento da situación financeira actual do capítulo I das diferentes consellarías. Por conseguinte, e seguindo o exemplo da Administración Central, faga un compromiso público de non seguir castigando ao traballador da Xunta de Galicia nin con máis atrasos no pagamento das nóminas nin con futuribles recortes salariais.