Dentro dos primeiros acordos crea unha Comisión de Traballo que, entre outras, levará a cabo unha vindeira concentración en defensa da dignidade do empregado público.

Onte constituíuse a Xunta de Persoal saída das eleccións do pasado día 14 de abril, formada por 10 delegados/as da CIG, 7 de CSI-CSIF, 6 de CC.OO e 4 de UGT. Tomáronse os seguintes acordos:

  • Elixiuse á presidenta, Pilar de Celis da CIG e ao secretario, Pedro Méndez de CC.OO.
  • Aprobouse unha reforma parcial do regulamento.
  • Creouse a Comisión de Traballo para a Dignificación do Empregado público.

Esta comisión xurde como resposta ás asembleas multitudinarias do pasado día 10 de maio, para canalizar as conclusións que se saíron delas e poder responder ás demandas das empregadas e empregados públicos. Nomeadamente acordouse levar a cabo de xeito máis inmediato:

  • Entregar unha carta emprazando ao presidente da Xunta de Galicia, como  máxima autoridade de persoal, a que cese nos seus ataques contra o colectivo traballador dos servizos públicos da Administración Autonómica e a que rectifique publicamente as súas declaracións ofensivas con respecto ás baixas de persoal,

    control horario e as queixas pola tardanza en cobrar as nóminas.

  • Entregar unha carta emprazando á Consellería de Facenda a que manifeste que non se vai producir ningún recorte nos soldos nin máis atrasos na percepción das nóminas.

  • Remitir unha carta emprazando á Voz de Galicia a que cese e rectifique de xeito inmediato a campaña de acoso e derribo contra os empregados públicos

    autonómicos.

  • Elaborar un manifesto en defensa da dignidade do empregado público.

  • Convocar unha concentración o 19 de maio ás 11h durante a celebración do Consello da Xunta de Galicia, como resposta ante os continuos ataques a través da prensa e do presidente da Xunta. O lema será: “En defensa da dignidade do/a empregado/a público” na explanada situada diante do edificio dos espellos do complexo Administrativo de San Caetano. Acórdase que será unha concentración libre na que cada quen poida traer cartelería con lemas varios, chifros, etc. A Xunta e persoal repartirá panfletos e cartelería entre os asistentes.

Esta Xunta de Persoal fai un chamamento a todas as Xuntas de Persoal e Comités de Empresa da Xunta de Galicia para que se unan, nos seus respectivos ámbitos, a esta convocatoria, porque todos e todas unidas poderemos facer fronte a esta ofensiva contra todas e todos os empregados públicos.