Con motivo da migración do sistema de correo corporativo da Xunta á plataforma de Microsoft, estes días os empregados públicos da Administración autonómica estamos a asistir a presentacións formativas impartidas pola empresa Indra.

Desde a CIG-Autonómica, estamos a constatar que o novo sistema de correo electrónico da Xunta non vai estar dispoñible en galego desde o primeiro momento. Nas presentacións, os representantes de Indra aseguran que se está a realizar unha tradución, que non estará dispoñible até o outono.

Con consternación, na CIG-Autonómica preguntámonos se os actuais responsables da Xunta terían contratado un sistema de correo electrónico que non estivese dispoñible de entrada en castelán; un sistema de correo, ademais, que deixa as comunicacións da Xunta nas mans dunha multinacional estranxeira que emprega un modelo de software pechado e non auditable, cando existen plataformas de correo gratuítas, de código aberto e auditable e dispoñibles na nosa lingua, que a Xunta podería desenvolver con persoal propio.

É tal a obstinación da Administración coa externalización de servizos que, a pesar de existiren alternativas gratuítas, e tendo a Xunta de Galicia escalas de persoal de informática, contrátase a plataforma dunha empresa estranxeira para a xestión do correo corporativo do Goberno galego!

Desde a CIG-Autonómica, lamentamos a aposta da Xunta pola externalización total, e observamos "indignados" que a cacareada austeridade orzamentaria que nos aplican aos empregados públicos non se compadece coa ostentosa prodigalidade coa que se contrata unha plataforma de correo de pago, cando hai alternativas gratuítas e en galego: en contraste coa rebaixa salarial aos empregados públicos, a Xunta ten adxudicado nos últimos tempos máis de catro millóns de euros en licenzas de software fechado.