As organizacións sindicais estábamos convocadas para tratar o borrador da instrucción da Secretaría Xeral da Conselleria do Medio Rural para o control de asistencia diaria ao traballo e concesión de permisos, licenzas e vacacións do persoal que presta os seus servizos nas unidades períféricas das xefaturas territoriais.

Despois de cáseque tres horas encerrados nunha sala, non se produciron avances significativos. As dúas persoas que asistiron a xuntanza en representación da conselleria non tiñan peso suficiente dentro da mesma como para tomar decisións que cara a mellorar o control de asistencia do persoal. Cada vez que se plantexaba unha modificación da instrucción por parte dos sindicatos a súa contestación era “consultaremos con persoal que controle do tema”.

Entrando un pouco nas achegas que se lle fixeron ao borrador da instrucción, elimináronse termos coma "de acordo coa planificación", entendendo que de deixalos sería darlle cancha aos xefes para que nos mareasen de un punto a outro. No tocante ao control de asistencia diaria ao traballo, continuará do mesmo xeito que ata agora, aínda que están pendentes de recibir ordes en relación á aplicación da Orde do 25 de maio de 2011 da Conselleria de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Por outra banda, en canto as solicitudes de permisos, vacacións e licenzas, aínda que os empregados públicos poden facer uso do PORTAX para solicitar os permisos, queda establecida a posibilidade de continuar solicitándoos mediante o impreso oficial que está a disposición dos traballadores nos centros de traballo. Neste punto, permisos e licenzas, recalcámoslle a aplicación do V C.C.Ú, onde para o persoal laboral do SPDCIF establece que para solicitalos deben presentarse no distrito forestal con un mínimo de tres días hábiles de antelación, ao que Medio Rural recoñece que non pode ser doutro xeito e retira a proposta da instrucción.

Quedaron os representantes da consellaría de achegarnos un novo borrador de instruccións nuns días, onde se recolla as modificacións que se lle fixeron ao texto inicial; comentan que o seu desexo é dispór da nova normativa para a súa aplicación canto antes.