A política de auteridade do Goberno de Feijóo, e máis en concreto na Sanidade, contrasta cos diversos trapicheos que brotan da negociación colectiva da modificación na Relación de Postos de Traballo da consellaría de Sanidade e Sergas.

Detrás dunha política de auteridade co persoal da administración agóchanse diversas trampas de trato de favor para as amizades, chegando nalgúns casos á vulneración da propia normativa. A CIG-Autonómica, con motivo da negociación que se está a levar das RPTs desta consellaría e do Sergas, fai a seguinte denuncia pública de diversas irregularidades que se dan nestes organismos en materia de persoal:

  • Existen indicios de que tanto a vicexerente do Sergas, María Eugenia Lado Lema, coma a subdirectora de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas, non cumpren cos requisitos necesarios para ocupar estes postos. Da primeira delas non consta que sexa empregada pública e que accedera á praza na forma legalmente establecida e da segunda cónstanos que é enfermeira (equivalente a un subgrupo A2;  subgrupo que non pode ocupar postos de subdirección) no sistema estatal de Saúde. Levan ocupando estes postos dende a entrada do goberno Feijóo

  • Pode ocupar un posto de secretaria (neste caso no gabinete) persoal subalterno? Aínda que se teña un carné do PP cada quen ten que traballar no que lle corresponde.

  • Hai persoal interino perpetuo. Non é xusto que nesta época de caza ao empregado público haxa xente “privilexiada” á que se lle faga calquera chanchullo para que se manteña no seu posto. Hai algunha persoa que leva “tendo sorte” dende fai anos e anos. Moitas e moitos das persoas que aprobaron o A1 nalgún momento botaron en falta algunha praza desta  consellería, nomeadamente na Secretaría Xeral Técnica.

  • Hai persoal ocupando postos a dedo (Libre Designación) que levan anos cubertos de xeito temporal. Esta xogada permítelle ao titular (coa conivencia do seu superior) blindar o seu posto de orixe, que pode igualmente cubrirse a dedo de xeito temporal, creando cadeas de favores e postos apalancados. Tristes exemplos son tres das catro xefaturas territoriais desta consellería, ocupadas en comisión de servizo, ou sexa que a Conselleira de Sanidade non ten persoal axeitado para prover os postos dos seus máximos responsábeis nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, ou non hai persoal funcionario disposto a asumir estes postos de xeito permanente.

  • Existen ducias e ducias de persoal estatutario ocupando postos de traballo nos Servizos Centrais desta consellería e do Sergas. Este persoal vén trasladado coa figura dunha orde de servizo, ou sexa, que vén a dedo procedente dos hospitais e seguen cobrando polo hospital ou pola xerencia de primaria e non ocupan ningún posto da RPT. Adoitan, ademais, a ser o persoal que ocupa despois a maioría dos postos de xefatura, nun abuso constante das LDs.

A CIG-Autonómica solicitoulle á consellería:

  • Unha relación do persoal estatutario que traballa en Sanidade e no Sergas sen ocupar unha praza de RPT mediante unha Orde de Servizo; estas prazas deberían de crearse xa que se entende que son necesarias.

  • A situación administrativa de todo o persoal do que temos indicios de que ocupan prazas de maneira irregular, incluídas tamén a vicexerente do Sergas e a subdirectora antes mencionada.

  • Por último, instamos á Consellería de Sanidade a cumprir a normativa vixente en materia de provisión de postos de traballo, de acordo coas RPT´s, e que toda a información que se solicita sexa remitida o máis axiña posible, en aras da transparencia que predica o goberno da Xunta.