Desde a CIG-Autonómica temos coñecemento de que a Consellería de Educación e O.U. ten intención de tratar os Regulamentos orgánicos de centro (ROC) para as Escolas Oficiais de Idiomas e os Conservatorios na mesa sectorial de persoal docente convocada para o xoves 23 de xuño.

Nas propostas que Educación achega á mesa sectorial de persoal docente, constatamos que se inclúen referencias a materias que son obxecto de negociación colectiva para o persoal laboral e funcionario da Xunta, como a xornada e horario de traballo, así como o sistema de control de cumprimento do horario (art. 12 da proposta de ROC de Conservatorios de Música e art. 13 da proposta de ROC das EOI).

A CIG-Autonómica insta á Consellería de Educación e O.U. a que se retire das propostas destes ROC toda referencia ás condicións de traballo do persoal laboral e funcionario da Administración xeral, e que se proceda a tratar estas materias, de ser o caso, nas mesas de negociación correspondente a cada tipo de persoal.

Por último, desde a CIG-Autonómica advertimos á Consellería de Educación e O.U. de que exercitaremos as accións legais que sexan oportunas ante os tribunais de xustiza, no caso de que se aprobe calquera regulación sobre condicións de traballo do persoal da Administración autonómica sen tratalo na mesa de negociación correspondente.

Descargar o escrito dirixido pola CIG-Autonómica ao conselleiro de Educación o 23/06/2011

Descargar o escrito dirixido pola CIG-Autonómica á Dirección Xeral de Función Pública o 23/06/2011

Descargar a proposta de ROC de Conservatorios de Música

Descargar a proposta de ROC de Escolas Oficiais de Idiomas