O tempo pasa, o verán chegou e cronograma de procesos pendentes caducou. Interpelado en innumerables ocasións, o director xeral de Función Pública non se atreve a dar datas concretas máis que para o concurso de persoal veterinario que parece ser que sairá convocado en xullo. Para o resto de escalas de corpos especiais, o concurso de persoal laboral I-IV ou corpos xerais non di ren.

En canto aos procesos selectivos, foi o caso das convocatorias de corpos xerais da OPE 2009 o que deixou co mel nos beizos a maior cantidade de persoas xa que cando parecía que todo ía para adiante, foron retiradas da Mesa Xeral do 10 de xuño e non se volveu a saber máis nada.

Desde a CIG-Autonómica esiximos información e transparencia sobre a previsión do desenvolvemento dos concursos de traslados e procesos selectivos que afectan a milleiros de empregados públicos e cidadáns. Non é de recibo nunha administración que pretende ser "moderna" e "eficiente" esta falta absoluta de previsión e escurantismo.