Na xuntanza de 13/07/2011 sobre concurso de traslados e RPT de persoal veterinario, a Administración puxo en coñecemento das organizacións sindicais un dato que desde a CIG-Autonómica consideramos especialmente preocupante e de interese para o conxunto do persoal.

En concreto, a Administración informou de que nese concurso de traslados non se ofertarán os postos de Xefatura de Área (Medio Rural) que foran provisionados no seu momento polo sistema de libre designación, e que por unha sentenza do Tribunal Superior de 2005 pasaron a ser de concurso. O argumento exhibido pola Administración é que a normativa de provisión de postos da Xunta de Galicia non prevé vías de cesamento de funcionarios que foron designados para ocupar en destino definitivo postos de libre designación, cando os postos que ocupan pasan a ser de concurso. A Administración argumenta tamén que a normativa supletoria estatal de provisión de postos si prevé que o cesamento de funcionarios que accederon a postos de libre designación cando os postos pasan a ser de concurso, trasladándosenos por parte de Función Pública que a posibilidade do cesamento das persoas que ocupan eses postos é xuridicamente interpretable e, en todo caso, potestativa para a Consellería que as nomeou.

Desde a CIG-Autonómica, rexeitamos frontalmente esta argumentación para perpetuar indefinidamente a persoas nomeadas por LD en postos de concurso, e demandamos da Dirección Xeral da Función Pública que se revisen e actualicen os decretos autonómicos de provisión de postos, que están a demostrar a súa obsolescencia, con graves prexuízos para os intereses lexítimos do funcionariado e en detrimento do bo funcionamento da Administración.