Na xuntanza de 13/07/2011, con motivo do concurso de traslados e reforma das RPT do persoal veterinario, a Administración trasladounos ás organizacións sindicais unha información que consideramos de interese para o conxunto dos traballadores.

En concreto, a Administración informou de que nese concurso de traslados non se ofertarán os postos de Xefatura de Área (Medio Rural) que foron provisionados no seu momento polo sistema libre designación e que, por unha sentenza do Tribunal Superior de 2005, pasaron a ser de concurso. O argumento exhibido pola Administración é que a normativa de provisión de postos da Xunta de Galicia non prevé vías de cesamento de funcionarios que foron designados para ocupar en destino definitivo postos de libre designación, cando os postos que ocupan pasan a ser de concurso.

A Administración argumenta tamén que a normativa supletoria estatal de provisión de postos si prevé en cambio esa circunstancia, trasladándosenos por parte de Función Pública que a posibilidade do cesamento das persoas que ocupan eses postos é xuridicamente interpretable e, en todo caso, potestativa para a Consellería que as nomeou.

Desde a CIG-Autonómica consideramos urxente que se acometan as reformas precisas na normativa autonómica de provisión de postos, que está a demostrar a súa obsolescencia para evitar estas inxustificables arbitrariedades por parte das consellerías, e manifestámonos en contra do que na práctica supón perpetuar indefinidamente en postos de concurso a persoas que no seu momento foron nomeadas polo sistema de libre designación, en prexuízo dos intereses lexítimos do resto do funcionariado e en detrimento do bo funcionamento da Administración.