O pasado mes de xuño estaba convocada unha reunión do Comité de Seguridade e Saúde para os traballadores do SPDCIF, que a administración aprazou unhas horas antes da súa celebración, argumentando que o motivo eran os lumes que estábamos a sufrir desde facía uns días. Naquel momento, as OOSS queixámonos da falta de seriedade da administración por suspender unha reunión unhas horas antes da súa celebración, cando esta se celebra de 3 en 3 meses, e a convocatoria faise con 15 días de antelación.

O día 13/07/2011  tiña que desenvolverse a citada reunión que fora aprazada no mes de xuño, pero tivo que ser suspendida por falta de quórum xa que só asistimos 4 delegados de prevención ¿Como os representantes sindicais lle din á Administración que toman este tema en serio e logo non acoden a mesma?

A resposta e a de sempre, CCOO, que ostenta a secretaría deste Comité, e nin asistiu, nin avisou aos/as delegado/as entrantes, nin saíntes, xa que hai cambios debido as eleccións sindicais. A súa ausencia impedía incluso a celebración da xuntanza aínda que houbera quórum, xa que é obrigatoria a presenza de presidente/a e secretario/a ou persoa en quen deleguen.

Unha vez máis CCOO, sindicato máis representativo na nosa Consellería se mofa dos traballadores, xa que o non acudir a este Comité non se puido constituír o grupo de traballo para avaliar os riscos dos traballos propios de extinción de incendios forestais. Igual pretenden formar este grupo de traballo no próximo Comité, que se celebrará no mes de outubro.

Desde a CIG-Autonómica seguiremos a traballar para seguir conseguindo melloras no noso traballo diario, coma é a mellora obvia dos nosos EPI´s, as xornadas laborais, que se respecten os nosos descansos, etc.