No último borrador do Decreto da Axencia de Modernización Tecnolóxica discutido nunha xuntanza informal coa Administración o 18 de xullo aprécianse cambios importantes no réxime de persoal que se achegan ao acadado para a Axencia Galega de Infraestruturas.

Porén, esta conleva unha peculiaridade que non se daba na anterior: o elevado número de servizos tecnolóxicos externalizados que van arrastrar as unidades administrativas que se adscribirán a ela. Despois resulta que non hai cartos para o persoal propio...

Unha vez máis dende a CIG temos que remendar os buracos que a LOFAXGA deixou abertos e a base de alegacións e despois de negociacións conseguir o que xa debería estar recollido nesa lei.

Os cambios máis destacables son os seguintes:

  • As unidades e persoal non se integran senón que pasarán a estar adscritos.

  • A axencia contará con persoal funcionario, estatutario e/ou laboral da Xunta.

  • A selección, provisión e mobilidade será competencia exclusiva de Función Pública.

  • Mantense o persoal interino e temporal de todas as unidades que se adscriban.

  • A axencia non poderá contratar persoal laboral propio.

  • O persoal directivo virá establecido por RPT.

Porén, a CIG-Autonómica criticou o modelo de externalización dos servizos relacionados coas TICs e a intención de seguir cun modelo que mistura un elevado número de asistencias técnicas cun cadro de persoal propio cada vez máis reducido. Xa que logo, reivindicamos o mantemento e recuperación das tarefas relacionadas coas TICs no persoal propio da Xunta de Galicia especializado nesa área, favorecendo a súa formación e o desenvolvemento da carreira profesional que permita abordar o desafío dos novos tempos baixo a independencia, a profesionalidade e o garante que supoñen as empregadas e empregados públicos.

NOTA: No 2011 se adscribirán a actual Secretaría Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica e máis os servizos de informática de Presidencia e da Consellaría de Presidencia, AAPP e Xustiza, quedando para o 2012 a adscrición do persoal informático do resto das consellarías (salvo Sanidade) O proceso non finalizará ata o 2015 onde entrarán os servizos de Sanidade e Sergas e máis o CIXTEC.

Descarga o novo borrador