Novas por contido

A consellaría de Economía e Industria quere reducir a actual Dirección Xeral de I+D+i á metade e afrontar unha futura Axencia de Innovación cun persoal diezmado e oposto frontalmente a este proxecto. Función Pública asegura que non ten coñecemento do borrador nin das xuntanzas cos sindicatos.

Esta semana a consellaría de Economía e Industria achegaba ás organizacións sindicais, con menos de 24 h de antelación, o proxecto dos estatutos da nova axencia que ían acompañados dunha modificación da actual Dirección Xeral de I+D+I. Todas as organizacións sindicais manifestaron o seu rexeitamento tanto ás formas como ao fondo. As formas: mandar un documento de tanta importancia e complexidade con 24h de antelación a súa discusión, reducindo a negociación colectiva a un simple formalismo. O fondo: eliminar persoal da dirección xeral de I+D+I porque “sobra” e logo construír una axencia que contratará persoal a discreción porque “falta”


Os traballadores e traballadoras en contra

Nunha asemblea mantida por representantes da CIG co persoal da Dirección Xeral de I+D+I, estes mostraron o seu malestar co proxecto da Axencia Galega de Innovación. Queixáronse de que só reciben información desta organización sindical ou da prensa e nunca dos directivos da consellaría. Observan con desconfianza a desestruturación do órgano competente galego en materia de I+D+I e o traslado ao que catalogan como “chiringuito”. Esta cualificación non é gratuíta dado que na futura Axencia se integrará tamén parte da Fundación Fomento Calidade Industrial sobre a que pesan diversas denuncias xudiciais e ante a inspección de traballo por causas de represión sindical, acoso laboral, contratacións en fraude de lei, etc. Mesmo chegan a dubidar da legalidade do movemento discrecional de parte dos traballadores para outras unidades da consellaría, quedando só parte destes para a futura axencia. “Ou nos imos todos ou nos quedamos todos” afirman con rotundidade e se declaran dispostos a mobilizarse.


Millóns de euros en subvencións a empresas en terra de ninguén.

A Dirección Xeral de I+D+i ten asinada unha encomenda coa Fundación Fomento Calidade Industrial polo cal este ente externo á Administración serve de APOIO ás labores propias desta dirección xeral. A realidade parece ser a contraria, sendo os responsables da Fundación os que exercen como directivos da propia Administración.

O traballo do día a día fai que centos de expedientes saían da dirección xeral con destino á Fundación e nalgúns casos puntuais cara a servizos tecnolóxicos externos da propia fundación, nun presunto incumprimento da lexislación de protección de datos en temas tan sensibles como poden ser a propiedade industrial. Moitas persoas interesadas achéganse ás oficinas da dirección xeral preguntando polo seu expediente e é alí fican abraiados cando teñen coñecemento que “iso o levan na Fundación”. Os teléfonos de información que se refiren ás axudas que se publican no DOG son na maioría dese ente e mesmo en guías de representación internacional aparecen nomes do persoal  desa fundación como “representantes da dirección xeral de I+D+I”.

Os traballadores da dirección xeral queixáronse moitas veces do baleiro de traballo e de responsabilidade aos que os someteron nos últimos 2 anos. “A semana pasada trasladaron outros 80 expedientes” afirma unha traballadora “e terminarán facendo o mesmo co resto, xa que con esta reforma deixarían unha xefa de servizo e unha auxiliar administrativa para xestionar 800 expedientes de subvencións a empresas”.


O órgano da Xunta competente en Función Pública e Facenda non ten coñecemento.

A pesar de que este proxecto leva aparellado un incremento de gasto evidente e que afecta a dereitos fundamentais dos empregados públicos, o director xeral de Función Pública asegura non ter constancia deste movemento da consellaría de Economía e Industria. No deseño das outras dúas axencias galegas (a de Infraestruturas e a de Modernización Tecnolóxica) sempre estivo presente Función Pública co obxecto de garantir un deseño homoxéneo destes novos entes.


Desde a CIG-Autonómica valoramos como moi grave este feito e rexeitamos de plano este proxecto de axencia. Un proxecto que resulta insólito nunha época de crise, desaproveitando os recursos propios en materia de persoal e pretendendo contratar persoal novo a dedo. Poñémonos á disposición dos traballadores para levar a cabo todo tipo de mobilizacións en defensa dos seus dereitos.

Nota de prensa remitida aos medios

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...