A Administración achega o borrador do Decreto polo que se regulamenta o réxime de persoal das entidades instrumentais, se consolida a existencia de persoal propio nas mesmas e, en caso de extinción, este persoal adquirirá condición de persoal laboral fixo da Xunta.

Facendo memoria todos lembramos que hai un ano a CIG se opuxo radicalmente á LOFAXGA, lei que consolidaba a práctica dos entes de contratar persoal proprio, persoal seleccionado moitas veces por criterios de amiguismo, ou, ao contrario, por saír máis “barato” que ter persoal funcionario ou persoal laboral da Xunta.

Este sistema de ter persoal proprio fóra do convenio colectivo da Xunta e ter listas de contratación propias é un “chollo” ao que a Administración non quería renunciar, e por suposto non renunciou ao ter o apoio de tres organizacións sindicais.

Tendo o marco legal disposto a Xunta nos presenta agora ao fillo da LOFAXGA, o decreto de desenvolvemento onde se consolida a existencia deste persoal, e non so iso senón que no decreto se contempla que en caso de extinción dos entes este persoal vai adquirir a condición de persoal laboral fixo da Xunta.

Como algo ilustrativo o exemplo o temos estes días na negociación dos estatutos da nova Axencia Galega de Innovación onde a Administración propón que o 40% do persoal sexa persoal propio contratado pola Axencia. Pois ben, si isto se chega a ver así reflectido implicará que todo o persoal contratado por non se sabe que sistema de selección, vai acabar adquirindo a condición de empregado público da Xunta por obra e gracia da LOFAXGA e deste decreto o día que a alguén se lle ocorra extinguir esta Axencia.

Temos por tanto ante nós un decreto que prepara un sistema de acceso á Xunta en dous tempos: primeiro se permite que os entes (todos sabemos cómo) contraten o seu persoal, e no futuro este persoal vai ter a condición de persoal laboral fixo da Xunta. Con isto pretenden desregulamentar as normas establecidas de relacións laborais, burlar o sistema de acceso ao emprego público, ter facilidade de contratar a quen queiran e ter a posibilidade de substraerse do control na súa actividade.

A práctica demostrou cal era o espírito desta lei e o que pretendía, algo que a CIG, única central sindical que votou en contra, xa viña advertindo dende hai un ano que se aprobou esta lei.